A lata que brillaba: un relato oral do casco de Leiro

O xoves pasado vivín un destes momentos que quedan na túa memoria para toda a vida: emocionante, verdadeiro e digno de imitar por moita xente. En Rianxo homenaxeamos a José Vicente Somoza, o descubridor desa marabilla do Bronce Final que é o Casco de Leiro, hoxe conservado no Museo de Santo Antón da Coruña. O concello de Rianxo decidiu celebrar a pequena xesta deste vello mariñeiro ao cumprírense corenta anos do descubrimento da prodixiosa peza no Curruncho dos Porcos, na ribeira da parroquia de Leiro. Unha conmemoración non só do achado da peza, senón do gran xesto de José Vicente Somoza: entregala á Administración e, deste xeito, garantir o seu disfrute público.

É unha auténtica marabilla escoitar do propio José Vicente Somoza a historia do descubrimento. É unha gozada non só por como se conecta a súa historia co universo interpretativo dos tesouros en Galicia, senón ademáis polo fermosísimo galego de Rianxo, a riqueza oral dunha persoa que ten o seu esquema lingüístico na nosa lingua desde o seu nacemento. Podes escoitalo aquí (con algunhas interpelacións aclaratorias -e risas- nosas):

Trala explicación de Somoza falou a arqueóloga Bea Comendador, quen describiu brevemente a peza e sinalou todo o que falta de estudar sobre a peza e o seu contexto e contorno, en especial as posibilidades de interpretación arqueoastronómica. Segundo Comendador, a peza pode estar marcando un calendario solilunar, pero sería preciso estudala a fondo. Roberto Pena, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, explicou a lexislación autonómica e estatal en materia de achados fortuítos: como se declaran, que compensacións se poden recibir, que entra dentro e fóra desa categoría… Pola miña banda, quixen homenaxear non só ao señor Somoza, senón a todos os descubridores fortuítos de tesouros. Avancei unha charla cunha (micro)Historia dos tesouros galegos que a ver se en outono imparto máis ampla.


José Vicente Somoza recibindo unha placa por parte do alcalde e o concelleiro de Patrimonio.

Simplemente dicir que este tipo de eventos son moi importantes, porque permiten crear unha cultura patrimonial local. A través do exemplo dos que xa o fixeron, o resto aprendemos modelos de facer as cousas. Oxalá máis concellos galegos se animen a este tipo de actos: non costan nada e gáñase moito.

2 Comments

  1. Cossue
    17 / Abril/ 2016

    Espectacular ese momento aos 4+ minutos cando don José di o que di e a xente aplaude! :-D E boa iniciativa do concello rianxeiro, por certo.

  2. 20 / Abril/ 2016

    Si, unha auténtica chulada. Xa dicía que pagaba moito a pena escoitar a don José.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *