Last updated on 29 / Marzo/ 2016
Xa sabedes que eu son máis de Galicia que de Galiza (sen excluír nada, que xa bastantes liñas vermellas hai polo mundo adiante) pero non podía resistirme a titular co chiste malo. O certo é que esas dúas palabras non é que rimen, é que a moitos lectores mesmo lles resultan contraditorias. Hai unha Galicia que non é granítica? Pois si, e aparece por poucos sitios. De acordo cos profesores Taboada Castro e Silva Hermo:
“Aunque de forma global se puede decir que Galicia es una zona de rocas ricas en sílice (granitos, esquistos, etc.), lo cierto es que su sustrato geológico está formado por una gran diversidad de materiales, incluidas las calizas. Estas rocas ocupan una reducida extensión, inferior al 5% de la superficie total de Galicia. Aparecen en la mitad oriental de la provincia de Lugo y en el NE de la de Orense”.


Formacións calizas no roteiro
Aquí podes documentarte un pouco máis. Basicamente, en Galicia temos tres formacións estatigráficas de caliza: a Caliza de Vegadeo, a de Cándana e a de Aquiana. No medio do granito, ás veces, afloran estas formacións deixando ver unha paisaxe que na súa formación, na súa flora e na súa percepción, conforman un mundo lixeiramente diferente ao que o rodea, para ollos máis ou menos acostumados. Nós paseamos días pasados polos afloramentos da Caliza de Vegadeo, na Fonsagrada.
A Fonsagrada é un gran descoñecido dentro dos concellos galegos, unha Fisterra do interior. Pero creo que podo dicir, sen medo a trabucarme, que é un dos municipios cunha mellor dotación de roteiros de sendeirismo. Non só hai moitos, e por sitios moi diversos, senón que ademáis están impecables, estupendamente acondicionados. Agora só falta xente que vaia a eles, que é o principal problema que temos no sendeirismo no país. Para ir comer cocidos facemos os quilómetros que faga falta, pero para andar…



Grazas aos amigos de Mariña Patrimonio fumos percorrer o sendeiro fonsagradino de Pena Guímara. É un roteiro doado, duns dez quilómetros de extensión, que permite adentrarse no val do río Logares, con gran cantidade de elementos paisaxísticos e etnográficos que convirten o paseo nun itinerario encantador para facer unha mañá. A Galiza Caliza nótase en dous puntos: nunhas covas formadas pola auga que xorden cando baixas ao río Logares e nuns curiosísimos aguillóns de pedra, metidos no medio do bosque, que están ao carón dunha vella casa señorial en Robledo. Dignos, dignos de ver.

O Logares é destes ríos anónimos e rebuldeiros, que baixan bravos e que estas paisaxes do noreste do país converten nun lugar magnífico para unha emboscada ou un aquelarre. O sendeiro transita polas ladeiras deixando paisaxes de impresión conforme un abandona os vellos casais e o río vai collendo murmurios.




Tamén é sorprendente a igrexa de San Martiño de Robledo, ao pé dun castro, e cun enorme caserón de principios do XIX ao carón, hoxe abandonado. Un paisano nos indicou que hoxendía xa só se misa unha vez ao ano, para a misa de Defuntos. O termo hoxendía é líquido e febril, sen dúbida, porque cando entramos na igrexa decatámonos de que alí xa nin se levaron a cabo as obras especificadas a partir do Vaticano II. A Igrexa aínda conserva o culto preconciliar por abandono de feligreses. Tamén pensei nunha lenda que se repite neste oriente galego: a do cura oficiando unha misa para defuntos no que todos os asistentes son…defuntos. Visitamos o diminuto cemiterio. Aínda hai cruces de madeira en memoria de mortos dos anos 20. E nunha caixa de madeira podre, nunha caixa de madeira podre…ía poñer a foto, pero se cadra me arrepentía despois. Así que só lles digo que se van alí, movan a lousa que tapa aquela caixa, se non son aprensivos. E se cadra, enténdese algunhas cousas desa misa. Aí queda o reto.
Fotos: Sole Felloza

Be First to Comment