Cocido épico en Casa Guillermo (A Fonsagrada)

Si, vaia por diante que xa estou canso de ver a cara de compaixón dos meus amigos da montaña cando lles falo de que na costa tamén comemos cocido. O certo é que nas Rías Baixas non temos nada que facer fronte aos cocidos que se manexan nalgúns interiores. Este sábado pasado despedín a miña tempada cocideira polo grande, na Molinera de Lalín, pero debo deixar aquí constancia dunha probable cúspide dos cocidos do país, o de Casa Guillermo, na Fonsagrada.

Xa deixara aquí anotado en datas anteriores o outro gran cocidazo fonsagradino que probei, o de Casa Villar, en Parada Vella. Anotei de aquela que estabamos ante un dos grandes cocidos de Galicia. Reafírmome naquela afirmación, pero hai que facerlle un oco nese amplo pedestal para o cocido de Casa Guillermo. Do máis marabilloso que teño probado, e iso que a estas alturas poucas cousas me impresionan. Xustifica unha peregrinación de amigos (estes cocidos deben xuntar un grupo de persoal).

Casa Guillermo atópase en San Andrés de Logares, nunha fermosa aldea a uns vinte ou vintecinco minutos da capital municipal que xa dá fame só de vela. O casal, no alto, preto da igrexa (e a igrexa dentro dun vello castro), está especializado na caza, e alí danse cita os cazadores para degustar as que deben ser unhas excelentes fabas con xabarín. Desta vez non puido ser (aínda que xa estamos planificando outra escapada) porque tocaba cocido.

Este é un cocido serio. Nin polo, nin carnes accesorias de vaca, nin leches. Directamente aos cortes estrela: cacheira criminal, xamón enteiro, botelo, acompañamentos, e a comer ata fartar. Estamos falando dun produto de primeirísima clase no que produtos delicados como o botelo reciben un tratamento moi axeitado: punto xusto de pementón e picante, produto fresco…permite un gran disfrute dun embutido que doutro xeito sempre hai que tomar con suma precaución.

Mentres comiamos, ao carón viña unha peza que eu nunca vin servida así: unha soá ao forno, para outra mesa. Merece tamén outro día específico para catar tan interesante patrimonio gastrocultural, ademáis desas fabas con xabarín. A montaña garda enormes sorpresas.

Hai que chamar para reservar, sempre, porque o sitio é pequeno e traballan por encargo. Como punto feble, a oferta de viños é moi limitada. É unha auténtica mágoa, porque unha mínima pero boa selección de viños luciría esta marabilla da cociña caseira de montaña. Así que se te gusta disfrutar tamén do viño eu negociaría con elas traer as botellas e pagar o descorche, ou algo similar.

Fotos: Sole Felloza

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *