Velaquí vai o meu novo artigo en La Voz de Galicia:
Nas últimas semanas foi frecuente ver a alcaldes da comarca participar cos sacerdotes na presentación das procesións de Semana Santa. Tal comportamento é inaudito nos países do noso contorno, desde onde hai décadas mantense con seriedade e escrúpulo a separación entre a Igrexa e o Estado. Ademais, na nosa comarca a Semana Santa sempre foi unha festa menor e minoritaria. Por cuestións culturais que non caben neste artigo, os crentes barbanzóns e galegos sempre preferiron outras celebracións do ciclo católico.
Non é casual, estou convencido, a sobrerrepresentación -e saturación- da Semana Santa nos medios públicos galegos duns anos a esta parte. Se cadra estea vinculada a un programa de máis amplo espectro e ambición. Sospeito que o pretendido turismo é unha excusa bastante burda -para cantas cousas o turismo é excusa no noso país- para meternos doutrina pola porta de atrás. Non coñezo ningún dato serio e rigoroso que demostre que o turista que vén a Galicia en Pascua ten un mínimo interese nas procesións. E o motivo é obvio: aquí non temos nin saetas, nin capuchóns, nin cilicios, nin crucificados. Por non ter, non temos nin xente nas procesións. En temas gore gáñannos noutras latitudes.
Pero se cadra eu estea enganado, e haxa máis crentes que confesos. O luns no supermercado o carniceiro díxome que non vendían case carne e nos restaurantes o menú do día esquécese do porco e da tenreira. Igual a que precisamos potenciar é a moi enxebre Procesión dos Caladiños.

Debe ser coma o meu curmán que cada ano practica a estrita vixilia cárnica por Semana Santa, pero non lembra a última vez que entrou nunha igrexa non sendo por unha desgraza.