Fontán: cando o mapa é o mundo

Disfrutei ben co Fontán, a novela biográfica (Galaxia, 2016) coa que Marcos Calveiro gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol. É un libro moi do noso tempo, dividido en pequenos capítulos nos que a acción vai evolucionando conforme se move a propia vida de Domingo Fontán, un dos persoeiros máis interesantes do século XIX no noso país. A el debémoslle o magnífico mapa de Galicia, o primeiro mapa científico do país, incriblemente preciso. Hoxe, máis dun século despois, segue a ser válido e eu consúltoo con moita frecuencia.

Para min o mapa de Fontán é como estes labirintos de area dos monxes zen. Como teño a sorte de contar cun bastante a man, cando preciso pensar de maneira creativa achégome ata a el e pérdome seguindo aqueles camiños que xa non están, ou observando como no seu interior latexa unha Galicia que segue aí escondida. Deixo levar a cabeza e realmente divago por aqueles camiños labirínticos que son como ese xardín de pedra xaponés.

Calveiro móvese moi ben no rexistro histórico. Aínda que é complicado manter a coherencia cando un libro narra unha vida enteira, e polo tanto ti xa sabes á perfección como vai acabar o asunto, hai un nexo que vincula os diferentes momentos da vida de Fontán: unha pequena paisaxe da súa infancia, á que el volve mentalmente con frecuencia. Calveiro bota man deste recurso para enfiar unha vida que, polo demais, vai seguindo con bastante fidelidade a partir da documentación, aínda que se cadra se enrede bastante na tiranía dos datos, que ao final só reflicten dunha vida os aspectos máis administrativos e burocráticos. Supoño que os límites entre ficción e realidade son o eterno debate literario e a súa resolución un difícil equilibrio que acaba sendo unha escolla persoal e, polo tanto, respectable. Fontán ten o grande mérito de ser un dos poucos libros que se achega a un científico do XIX desde a nosa literatura, unha porta nova que se abre grazas a Calveiro. O bo oficio do escritor, veterano e novo ao mesmo tempo, consegue ademáis dotalo de viveza e atractivo para calquera mente minimamente curiosa. Un xeito interesante de achegarse á vida dun dos grandes do século XIX para este país.

Por certo, quen teña diñeiro, os amigos de Galantiqua venden unha das poucas Cartas Xeométricas orixinais de Domingo Fontán que están no mercado.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *