O meu artigo da semana en La Voz de Galicia vai sobre bivalvos:
Xa saben que os xornalistas temos o gatillo fácil para as palabras. Un dos adxectivos que se nos escapan con máis frecuencia é o de «histórico». Todo é histórico. A final de rexional preferente, o apertón de mans entre dous pedáneos e o lanzamento da enésima versión dun terminal telefónico. De tanto empregar tan nobre cualificativo témolo tan gastado que parece que abandonamos o presente para habitar nun manual de secundaria.
Porén, xa vou indo maior como para recoñecer cando algo pode ser realmente «histórico». A sentenza do xulgado de Pontevedra aplicando o sentido común -que non se use a palabra Galicia en van cando falamos de mexillón tailandés ou bretón- pode que sexa algo que lembremos dentro de trinta anos. Aquelas conserveiras que queiran beneficiarse do bo nome das nosas rías terán que mercar mexillón producido nelas. Os bateeiros celebrarano como un triunfo para o negocio, pero eu, consumidor, considéroo unha vitoria para a dignidade e para un mercado máis honesto.
Porque se pode xogar con case todo menos co pan, os consumidores gañamos transparencia e o produto, coidado e tratado con mimo no noso mar, adquire moito máis valor. O mexillón galego sorprende a quen está acostumado a outros dignos bivalvos foráneos polo seu xigantismo e o sabor da súa carne. Neste país no que unirse parece que é pecado, non é mala noticia para a aínda nacente denominación do mexillón, que tanto traballo deu crear.
Histórica vida, pois, ao mexillón de Galicia e esquecemento eterno para os espabilados.

Be First to Comment