
Foto: Sole
Este chulo hórreo está en Asperelo (Rodeiro) e quedamos pasmados cando tal vimos. Dous adornos, un en cada estremo. Nun, a cruz solar tan habitual en tantos hórreos do país, de profundas conexións atlánticas; da outro estremo, un Boeing 747!
Vale, despois da gargallada, a sorpresa e as gañas de baixar a imaxe e publicala no teu taboleiro de Facebook (con seguridade haberá quen queira mandar este hórreo á sección das Chapuzas Gallegas) insto a que lle deamos unha volta ao asunto. Eu tamén alucinei ao principio e despois fíxome pensar. Cal é un sentido dun hórreo cando se fabrica hoxendía? Que finalidade ten para unha persoa do presente os adornos que, para os nosos devanceiros, tiñan un sentido defensivo, protector da colleita almacenada?
Descoñezo cal é a vida da persoa que encargou este hórreo, a que se dedica, que nos quere contar con ese pequeno xogo. Pero ese mesmo día, esa mañá que o céo abriu despois de semanas de chuvia e nos amosou que o azul existe, puidemos ver o rastro dun dos numerosos avións que cruzan por enriba da súa casa, xa nas manobras de aterraxe no aeroporto de SCQ. Como os avións están en descenso sobre a fermosa parroquia de Asperelo, desde este hórreo, ou desde o maxestuoso e descoñecido petróglifo do Coto das Laxas, vemos as aproximacións dos paxaros de ferro ata o punto que distinguimos as compañías. Aí, sobre o hórreo, vedes o rastro do avión. E eu pregunteime que hai máis fermoso que o hórreo garde, nos seus adornos, unha estrita relación co seu contorno inmediato, unha relación directa, co firmamento, coas ducias de avións que cruzan por riba del, igual que a cruz celta da outra banda fálanos do sol como astro sagrado.
Persoalmente, non se me ocorrería esculpir nun hórreo un Boeing 747 ou cun Aston Martin DB9, pero máis alá da risa kitsch e inmediata que se nos poida ocorrer, pareceume fermoso o diálogo.

Be First to Comment