A hora da raposa

O meu novo artigo en La Voz de Galicia chámase A hora da raposa. Aquí o tedes:

O Barbanza vive unha paradoxa. Está nas Rías Baixas pero non cultiva viño das Rías Baixas, senón das Terras de Barbanza e Iria, alomenos na etiqueta. Cando alguén vén a darse unha homenaxe nos nosos restaurantes, presumimos de peixe e marisco pero o viño chega do Salnés, do Rosal ou do Ribeiro. E cando comentas que moi pretiño de onde vive ese polbo, esa centola ou esas nécoras elabórase un viño máis que bo, son moitos dos propios barbanzóns os que dubidan, desconfían, e piden un albariño do sur, que non estamos para sustos.

Teño servido os honestos viños do Barbanza, e doutros territorios esquencidos como Betanzos, en catas de profesionais e afeccionados por todo o país. E sempre disfruto das caras de sorpresa (agradable) dos que catan por primeira vez estes brancos que teñen moita da súa singularidade no uso da variedade que nós chamamos raposo e en Betanzos ou en Asturias branco lexítimo. É un auténtico tanque biolóxico capaz de resistir aos ataques fúnxicos da nosa húmida ribeira, pero tamén quen de ofrecer un grao xeneroso e de ser fresco, sutil e redondo en boca. O viño do Barbanza ten un futuro porque as bases -que son a calidade e a singularidade da materia prima- xa existen. Só falta que nós o creamos e apostemos por elas.

Agora famosos enólogos están botando a súa ollada sobre o branco lexítimo, a ancestral raposa das nosas encostas. Sede benvidos. Traédenos un pouco de autoestima cando veñades, que nos vai facendo falta.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *