Turistas do cotián

O meu novo artigo en La Voz de Galicia:

O verán pasado pasei tres días soñando co mar da Arousa. Unha noite saín estrañado á terraza e atopei a explicación a tanta obsesión: a miña compañeira apañara ramallo de mar na Cobasa, en Aguiño, e deixárao a secar no balcón. Pola noite a alga ceibaba o seu engado salino e a min aquelo funcionábame mellor que a magdalena de Proust. Só un arrecendo e o Atlántico volve a ti.

De súpeto decateime de que nos últimos anos coñecín a varias persoas que retornaran no Barbanza tras anos fóra. O argumento común é unha vida mellor, máis tranquila e humana, e sentir eses cheiros a maré que botamos tanto en falta. E levan razón: mar e montaña a un paso, bos equipamentos municipais, alugueiros baratos, tranquilidade, mellores estradas. Son parellas novas, con profesións liberais nas que non teñen que fichar, e que poden enriquecer á veciñanza de moitos xeitos. O movemento é discreto, se cadra invisible nas estatísticas, pero real. E interesante de vez.

O turismo, esa divinidade suprema e caprichosa á que non acabamos de caerlle de todo ben, é fundamental para a nosa zona. Pero cada día vexo máis claro outro novo turismo, un turismo do cotián. Eses factores que fan que alguén de fóra escolla un lugar para vivir porque é atractivo e dispón de valores que quere para el e os seus. Ás veces debiamos pensar menos en inútiles stands de FITUR e ir máis alá: crearmos estratexias para captar turistas do cotián, que fiquen a vivir connosco por moitos anos.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *