Hai neste libro dúas cousas ben interesantes: a figura do médico Gregorio Marañón e a memoria dun lugar exacto, no que sucederon cousas concretas. Non é un lugar calquera: non é unha catedral, un pazo real ou unha praza pública. É un espazo de intimidade privada, un xardín rodeado dun muro, un lugar de descanso familiar, e das cousas fermosas e tráxicas que sucederon nel ao longo de case cincocentos anos. Gregorio Marañón Bertrán de Lis, neto do célebre médico republicano, dá conta neste libro de historias concretas e ponlas familiares e detalla como foi transformándose o Cigarral de Menores, unha propiedade de lecer adquirida polo seu avó con só trinta e cinco anos. El adquiriu e procura preservar a finca na filosofía do seu avó.
A historia das casas, dos lugares, sempre é singular. Todo o que alí aconteceu, todo o que os humanos falaron e viviron, fica como unha sombra só pendente da memoria, prendida sutilmente con fíos, mesmo as historias máis grandes. No Cigarral aconteceu así: nese lugar, á calor de Gregorio Marañón congregouse boa parte da intelectualidade da República e importantes figuras da ciencia e da cultura europeas. Eran outros tempos e había outro tempo. Alí fixéronse lecturas de grandes obras. A audiencia sentábase á fresca da tarde e o autor procedía a ler a súa obra enteira. Así o fixo García Lorca con Vodas de sangue, e na tradición oral familiar lémbrase que ao rematar o circunspecto Marañón non puido evitar secar as bágoas da traxedia, ou unha das anécdotas máis chuscas: cando Unamuno leu o ladrillazo de San Manuel Bueno Mártir, ao rematar un Lorca desesperado polo tocho tirouse á fonte con traxe e todo, ceibando as risas dun auditorio respectuoso. Outra anécdota curiosa: contan que un galeguísimo Valle Inclán, cando veu Toledo desde o mirador da finca, o primeiro que dixo foi: “como chova todo iso disólvese e vaise abaixo”. Foi o mesmo que dixeron meus pais a primeira vez que viron esa cidade. E non creo que eles e Valle foran os únicos galegos en pensalo.
Gústanme os libros que nos falan dun sentido de lugar, da significación que representa un espazo concreto nun conxunto de homes, e no que estes deitan, emocional e sentimentalmente, sobre ese territorio. A idea de propiedade -que é vella de vez- non deixa de ser unha idea vana no fondo, nunha pespectiva biolóxica do ser humano. Ser “propietario” de algo está protexido por centos de leis, que xeneran miles de problemas administrativos, xurídicos, con outros propietarios, pero no fondo non deixa de ser unha ilusión. Cando nós chegamos á Barcia, descubrimos que en realidade o noso cachiño de mundo era tamén unha parte mediada do territorio dun miñato, por exemplo, que rexía con man férrea o lugar e evitaba a presenza de ratos; ou que ese terreo podía estar cruzado por varias traídas doutros veciños, ríos subterráneos que simbolicamente pertencen a outros estando na túa propiedade, a través de acordos tomados xeracións atrás mediante a palabra que deben ser tan respectados coma os papeis; ou que alí dábanse interesantes interaccións entre diferentes tipos de flora, entrecruzando a fraga de Malpica, os ríos Boo e Mao, que preservaban teimudos a súa pronuncia medieval entre os veciños (os ríos, sempre as toponimias máis conservadoras do noso país), e as antigas presas humanas convertíanse en fermosas fervenzas falando de como a natureza acaba por reciclar os traballos humanos. Ser propietario é van, é só imaxinación: querer un pequeno territorio, pola contra, é trasladar o mellor do ser humano, a súa emoción e as súas relacións con outros seres -humanos ou non- a un espazo concreto.
Se un escribe despois sobre isto, e fala con paixón dos atardeceres pousándose sobre Toledo, acaba de comporse un libro fermoso que convirte en universal un pequeno territorio íntimo e familiar.

Be First to Comment