Master of None: xeniais embolados neoiorquinos

O cómico Aziz Ansari e o seu amigo Alan Yang crean, dirixen e producen Master of None, unha máis que interesante serie de dez breves capítulos que podes ver en Netflix. A historia conta as vivencias dun trintañeiro neoiorquino de orixe india que traballa como actor -máis ben de secundario ou en anuncios publicitarios- e os seus amigos -un hipster branco, unha lesbiana negra e outro chinés-. Como todas as series xeracionais, a pouco que estean ben feitas resultan divertidas porque non deixan de ser un retrato paródico dunha vida que non é moi diferente en Nova York que aquí -a dependencia do móbil e dos seus servizos, a sensación de non facer nada se non ten un beneficio claro e directo- pero ao que se lle engade a casuística neoiorquina (a diversidade racial e os seus estereotipos). A historia é moi divertida e o protagonista, que como Woody Allen ten toda a pinta de interpretarse a si mesmo, un descoñecido nas nosas pantallas con moito futuro. E gústame moito unha cousa de Master of None. Que non é exactamente unha sitcom estilo Friends, co seu formato estandarizado e os gags sempre milimetrados aos mesmos minutos de emisión. Dá a impresión de que a serie vai un pouco ao chou. E hai finais no aire -máis ou menos- que son magníficos, nos que o protagonista non resolve, perde ou simplemente a vida continúa. Fantástica para botarse unhas risas cun humor e un audiovisual intelixente. Aquí vai o trailer.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *