Nos cantís do Cabo da Nave de Fisterra

Last updated on 5 / Xaneiro/ 2016

Fotos: Sole Felloza

Ultimamente o corpo pídeme Atlántico. Son tempadas: outras veces pídeme Courel, Ulloa, Ribeiro, Barbanza ou Arnoia. Pero agora estamos na fase Atlántico e na fase granítica. Preciso pedrolos, grande estensións de pedrolos e masas interminables de auga. Debo ter unha adicción non diagnosticada ao radón. Bromas aparte, hai veces que preciso disolverme no mar -deixar que os meus pensamentos marchen co vaivén cíclico das ondas e dun mundo incontrolable. Os cantís galegos son un lugar ideal para empaparse de inmensidade. E a Costa da Morte un sitio perfecto para buscalos.


O promontorio de Castromiñán, nunha vista pouco habitual

O que hoxe vos propoño podedes entendelo como un trailer do Camiño dos Faros. Un delicioso camiño dun par de horas non apto para toda a familia (os nenos poden sufrir algún accidente ou susto), nin recomendable de visitar en días con chuvia. Hai que partir da fisterrá praia da Arnela, que está no mar de Fóra, antes da praia do Rostro. De alí parte un camiño en dirección ao Cabo da Nave que non ten perda porque é parte da Ruta dos Faros. O agradable vieiro inicial, por unha ladeira herbosa na que imos apreciando o promontorio no que se atopa Castromiñán, convírtese ao virar nun impresionante sendeiro ao carón de tremendos cantís que se derruban ao Atlántico. O roteiro é emocionante e non para todo o mundo, insisto, pero tampouco se corre ningún risco (se un anda atento). O que se nos conta neste roteiro é o encontro entre o bravo granito e o mar batido. Ás veces dá a impresión de que camiñas pendurado dun mundo aparte, dun lugar mítico separado do mundo contemporáneo, onde rexen outras leis. E parece mentira que ao carón das aldeas e da estrada asfaltada poidas atoparte algo tan fascinante, tan bravo e tan conmovedor.


A croa do Castro de Duio señoreando o val

Se deixas o coche na praia de Arnela, o ideal é volver camiñando polas aldeíñas. O val de Duio conserva, nas súas aldeas, moito da agricultura tradicional. Nun día de sol é fermosísimo ver todos os hórreos abertos para escorrentar as humidades do millo, nunha escena inmemorial que só te trae á cabeza paz e ciclos de vida e de auga. Un pode ver alí, tamén, o berce de lenda deste val que facía crer á xente en tempos de George Borrow que as aldeas eran parte dunha cidade. O castro de Duio, marcado coa súa propia placa urbana, como se as xentes aínda viviran nel. É un fermoso sitio para apreciar ese tabú -nunca expresado directamente- das aldeas galegas para non construír no interior do castro. Coñezo moi, moi pouco sitios onde a sociedade tradicional galega asentara casas no interior dunha croa. O poboamento actual de Duio rodea ao castro pero esa croa, sen dúbida rebaixada por séculos de actividade agraria, vale para cultivar pero vivir, vivir alí xa é cousa do rei da lenda.

7 Comments

  1. Anónimo
    4 / Xaneiro/ 2016

    PRECIOSO…PRECIOSAS IMAXES….E PRECIOSO CONTIDO….

  2. 4 / Xaneiro/ 2016

    Grazas!

  3. Dores guerreo
    5 / Xaneiro/ 2016

    Animote a facer todo o Camiño dos Faros de Malpica a Fisterra…volveraste trasno

  4. 12 / Xaneiro/ 2016

    Excelente iniciativa!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *