Creo que non hai termo medio para definir Youth, a última película de Paolo Sorrentino, Palma de Ouro en Cannes e mellor filme europeo do ano. Estou convencido de que te marabilla ou te resulta máis incomestible que unha pedra. E a miña sensación vai un pouco polas dúas partes. Teño que recoñecer que eu son moi fan de Sorrentino, e que Youth era unha película que me agardaba del, unha película para aqueles que gozaron con La grande bellezza pero que esperan algo un pouco distinto. Esa idea italianísima da mocidade perdida, central nunha sociedade tan obsesionada pola apariencia persoal e o culto ao corpo (líbreme eu de criticar a actitude italiana cun sermón moralizante). Só digo que estes filmes que narran historias sobre a nostalxia da mocidade, o solpor da vellez, os soños sen facer e a arte impotente dunha seducción que xa non se pode producir, encaixan cunha cultura que vive a carne e, sobre todo a súa apariencia.
Por moitas cousas amei Youth. Pola fotografía -porque entendo que non todos os filmes deben ser iguais-, que é quen de levarte a ese universo pechado do balneario alpino onde todo -nada- sucede; a diferencia de La Grande Bellezza aquí a historia está máis difusa. Pola deliciosa banda sonora. Pola suxestión e a seducción. Polo humor soterrado dos seus pacientes veraneantes, unha elite mundial ancorada dramaticamente no seu lecer de gaiola de ouro. E, no fondo, por esa historia que non é historia, a dun home (Michael Caine) ao que lle pesa o pasado e outro (Harvey Keitel) a quen lle abonda. E por unha escena que me fica, trepanada no encéfalo. Keitel, director de Hollywood, cando se enfronta a todas as súas protagonistas femininas, todas mulleres, no bucólico prado suízo.
Máis que unha opinión, este texto é un exabrupto. E desde logo, non unha recomendación. A miña idea: métanse dous copazos de whisky bo, ou calquera outro dos seus substitutivos, antes de sentarse a ver Youth. Poden pasar dúas cousas: rirse a gargalladas do filme -non co filme- ou deixarse levar por unha pracenteira melancolía, unha deliciosa saudade que nos anticipa unha experiencia que nos chegará a todos, se damos chegado ao final do camiño. Alá vostedes.

Be First to Comment