Cando un castro agacha un templo

Publicado orixinalmente en culturagalega.gal o 22 de decembro de 2015

O Monte do Facho (Hío, Cangas do Morrazo) tense convertido nun lugar famoso nos últimos anos polas escavacións que sacaron á luz a existencia dun santuario galaicorromano dedicado ao deus Berobreo fundado a partir do século III d.C., nun espazo cunhas vistas impresionantes sobre a Costa da Vela. Pero agora sabemos por que o santuario está alí. Segundo unha nova interpretación presentada polo arqueólogo José Suárez, xa trescentos anos antes da fundación do santuario galaicorromano, todo o castro era un complexo relixioso, con pequenos templos dedicados ás deidades galaicas e espazos para banquetes rituais.

Un dos aspectos máis discutidos e procurados da Idade do Ferro en Galicia é a existencia de santuarios e espazos de culto ás divindades. Malia a existencia de numerosas teorías, de indicios e dun numeroso rexistro de deuses galaicos testemuñados en aras de época romana –case sempre desprazadas do seu descoñecido lugar orixinal-, os espazos de culto do tempo dos castros, ao igual que os enterramentos, son esquivos desde o punto de vista arqueolóxico. As prácticas e as crenzas a penas deixan restos se non hai un templo no que se practiquen.

Pero a nova interpretación que aporta José Suárez, arqueólogo escavador do castro do Monte Facho, pode axudar non só a enfocar investigacións do futuro, senón tamén “a reinterpretar moitas cousas que se atoparon en castros desde hai trinta ou corenta anos, que eran anómalas e non tiñan explicación”, afirma o especialista. O arqueólogo publicou recentemente a súa interpretación en Portugalia, unha coñecida revista académica portuguesa que homenaxeou no seu último volume ao catedrático de Arqueoloxía da USC Fernando Acuña Castroviejo.

Unha longa secuencia cultural
Para comprendelo, imos situarnos no Monte Facho. Este importante sitio arqueolóxico, declarado Ben de Interese Cultural, está ubicado na parroquia de Hío, en Cangas. É un lugar cunha dilatada secuencia cultural. “Comeza cun importante episodio no Bronce final do que aínda temos poucas noticias, despois está o que pensamos que era un castro e por último o episodio do santuario de época galaicorromana tardía, entre o século III e o V. E, por último, o monte foi empregado polo sistema de vixilancia costeira da Coroa Española entre os séculos XVII e XIX”, resume José Suárez. Deste último momento é a famosa garita de pedra que está ubicada no cumio do monte, cunhas impresionantes vistas sobre a Costa da Vela, as Illas Cíes e o Cabo Home.

O Facho foi escavado inicialmente polo Instituto Arqueolóxico Alemán para estudar un lugar único. Unha comunidade galaicorromana fora colocando, na parte máis alta do monte, sobre as ruínas dun antigo castro abandonado trescentos anos antes, unha sorte de “bosque de aras”, un conxunto de altares dedicados ao deus Berobreo colocados en terrazas, ollando para o grandioso espectáculo do mar aberto. Non sabemos moito sobre Berobreo, agás que o seu nome é de cerna galaica e que a xente lle pedía pola súa saúde. O concello de Cangas quixo levar a escavación máis alá, e José Suárez fixo varias campañas de escavación no castro, ubicado a menor altura que o santuario galaicorromano. Durante os traballos ía detectando anomalías no rexistro arqueolóxico, achados que non parecían corresponderse cos habituais dun castro.

“A campaña do 2008 foi a gota que colmou o vaso”, sinala José Suárez, “ese ano foi o punto de non retorno na interpretación do santuario. Durante as campañas anteriores iamos atopando peculiaridades que nos intrigaban, pero é que na campaña 2008 o único que atopamos foron anomalías. Elementos que apuntaban a que as estruturas que escavabamos tiñan unha función allea ao doméstico”.

Durante esa campaña, o equipo de José Suárez detívose nunha zona próxima ao cumio do castro. Había catro estruturas ubicadas nunha sorte de aterrazamento, e divididas por un muro doutras. “O que alí había tiña a apariencia de casas circulares co aparello típico do cambio de era, a diferencia doutras zonas do castro nas que había morfoloxías atípicas”, indica José Suárez. Aí acababa o normal e comezaba o anómalo. “As estruturas estaban compartimentadas internamente, o cal é raro nos castros. Aparecían outras estruturas de difícil explicación no interior como unhas repisas de forma cadrangular colocadas contra os muros, foxas interiores sen nada dentro que nos indicara o seu uso e algunha delas construída antes de facer o chan. E non había fogares, só nun caso unha sorte de lareira de difícil explicación, sen carbóns, e asociado a ela o gravado dunha serpe”, sinala José Suárez.


Vista da pedra co gravado da serpe. Foto: José Suárez

Os animais de pedra
Non era o único animal que apareceu nesa terraza. Esa última estrutura na que estaba a serpe, tiña un cipo no vestíbulo, unha pedra fincada, con dous ollos e unha figuración da parte traseira cunhas liñas horizontais. E, no exterior, apareceron o que se coñece na plástica castrexa como amarradoiros, pedras talladas para atar animais, unha dela coa figura dun xabarín. Suárez asegura que estas figuras non puideron valer para atar bestas. “Estatigraficamente aparecen caídos da parte de riba das casas, e non ten sentido dispoñelos a esa altura para facer esa función. Por outra banda, as casas están tan xuntas que é inviable que leves os animais por alí”. E había máis elementos. Unha das casas tiña un betilo, unha pedra cónica con finalidades rituais, dunha fonda tradición mediterránea, ancrado na porta da estrutura.


Vista dun dos amarradoiros con cabeza de animal. Foto: John Patterson/Instituto Arqueolóxico Alemán

A estas alturas, Suárez xa tiña claro con que se atopaba. As estruturas desa terraza “son templos pequeniños dedicados a deidades concretas relacionadas con animais. Un deles asociado a un xabarín, outro a un carneiro, animais que son habituais no ámbito castrexo. Nesta campaña atopámonos cunha plástica non naturalista e cunha iconografía máis complexa de detectar. As repisas só poden ser identificadas como altares ou lugares para colocar ofrendas. Son frecuentes no ámbito ibérico ou no mundo hispano occidental”.

Todo isto levoulle a Suárez a cambiar a visión total do castro. “Todo o castro está dedicado ao culto”, afirma, “con partes diferenciadas no seu interior. Na zona inferior atopamos estruturas de maiores dimensións que parecen acoller outro tipo de ritos, con máis xente e con elementos vinculados á comensalidade, aos banquetes rituais. E na zona superior, antes do cumio, estes edificios de culto relacionados con deidades concretas. Por último, no cumio, chama a atención a ausencia de materiais de época castrexa”. Este fenómeno das croas baleiras é relativamente habitual no mundo galaico, onde desde Asturias ata o norte de Portugal se atopan castros que teñen baleira e sen estruturas a zona central, ás veces delimitada cunha muralla.

Paralelismos
Un castro que parece un lugar para vivir pero que en realidade, é un lugar para falar cos deuses. Para José Suárez, o Facho é un espazo con solucións particulares que pode atopar paralelos con outros sitios pero só de maneira parcial. “Lévase especulando desde hai tempo no mundo da Galia coa posibilidade de existencia de oppida (cidades fortificadas) santuario, pero nunca se definiran. No mundo celtíbero temos espazos de culto dentro de grandes asentamentos. Repisas así atopamos no mundo ibérico, galo, celtíbero. Foxas, tamén. A plástica zoomorfa tamén, en moitos lugares. Os betilos eas estelas tamén existen noutros sitios. Hai confluencias parciais pero non globais”.
Pero malia sinalar a especificidade do Facho, Suárez cre que a súa proposta pode ter un gran valor para a arqueoloxía galega. “Vai permitir reinterpretar castros escavados hai trinta ou corenta anos, que de aquela xa tiñan anomalías pero como estaban mesturadas no espazo doméstico ficaban apartadas. Isto vai permitir tamén saber no futuro, cando vas traballar, onde te moves, se nun castro convencional ou noutro dedicado ao culto, ou vas poder identificar as zonas de culto nos castros”.

Unha das consecuencias prácticas do que o arqueólogo propón é pensar de novo os chamados amarradoiros, un tipo de obxecto que se atopa con certa frecuencia nos sitios da Idade do Ferro.”Estes lugares permitirán identificar relacións entre espazos e deidades. Esta reinterpretación non é só estilística, senón que nos pode achegar ao mundo da ritualidade e do culto”.

Terían moitos dos castros que hoxe visitamos espazos de culto que non foron ou non puideron ser interpretados como tales? Poderían ser algúns destes castros lugares nos que non se vivía, senón aos que se acudía a celebrar rituais en momentos determinados? Sabedor das polémicas e dos debates que xeneran estas interpretacións, Suárez quere deixar clara a súa posición. “Eu fago unha defensa da arqueoloxía da relixión, ou do ritual, desde a perspectiva dos datos concretos e precisos. É posible un achegamento a estes ámbitos complexos e inmateriais a través da propia arqueoloxía con claves arqueolóxicas. A min non me doen prendas en recoñecer que tardei anos en chegar ata aquí. Foi un proceso difícil. Pero escavando certa estensión, con coidado e estando aberto a estas posibilidades podes chegar a estas interpretacións”.

3 Comments

  1. Loís
    23 / Decembro/ 2015

    oi ,oi! que interesantirimo,^.^
    algúnha referencia na actual francia de algo similar, e mais próximo o que se supon o orixe de expansión desta cultura. na galia, do outro lado dos galatas podía ser o santuario de Corent
    com.cg63.fr/com/Corent/ tes visto isto? Divulgación gráfica con maiusculas eh! ^_^ existe un estudo tremendo sobre o santuario,…
    (estropeouseme o ordenata, e para pasarche a ligación teño que cambiar de sesión pra ir buscalo no historial)
    … que relaciona estes santuarios con outros máis antergos analizando a súa posición xeométrica en xeral e das súas supostas estruturas, en relación ós diferentes astros, entendo que data o orixinal do III a.ne, inda que logo se montaría a vila romana ó redor e se romanizaría….
    (xa o atopei http://www.david-romeuf.fr/Archeologie/CorentAstronomie/SanctuaireCorentEtAstronomie.html#CONCLUSIONSOLEIL )
    … O estudo pareceme importantisimo e interesantisimo, pois tendo en conta que “Veneraban” a natureza (eu penso respetaban) e que vivían en sitios altos, que se divisaban facilmente de uns a outros, é moi posible que adicasen os seus momentos de lecer…
    (xa sei xa eran moi barbaros, traballadores e sen organizacións sociais máis alo dos propios asentamentos individuais ainda por descubrir… e pelexóns… o lecer non entra ainda na historia destas xentes, pero esos cinco minutiños de despois de…calquera cousa terían ou, alomenos druidas tiñan e é posible que para algo máis que para tranmitir ensinanzas sobre as plantas a historia de xeito oral… ; )
    …a observación e estudo do cosmos. Pois para o mesmo que o resto das culturas: ubicación xeográfica…
    ( xa sabes, – a aldea da familia da miña muller queda por alí, levo os excedentes desta aldea para o castro de sona comercial ou a feira, navegar (oi oi lo que ha dicho navegar )
    … como ainda é un milenio escurísimo a imaxinación axudame a interpretar pro o que verdadeiramente quero dicir é:

    “eu sigo a pensar que ademáis de interpretar cada sitio por separado, sería esencial estudar os vales por libre e as diferentes serras, os cordais, para ter unha idea do que supoñen os asentamentos en conxunto… ”

    ______________________________________________________________
    vou continuar a practicar o meu pasatempos preferido aquí un anaco, se non che importa.
    !desbarrar un anaco¡
    A falta de ler o que creo que é o teu segundo libro e coñecer algo en profundidade ós “deuses” celtas, ou o que contan os historiadores romanos, e o que se pode concluir dos vestixios arqueolóxicos que falan destes deuses…
    (interesanme mais outros enfoques do tema, fontes de alimentación, tácticas de caza, recolección pesca ou agricultura e gandeiria que practicaban… ),
    … entendo que os santuarios chegaron coa INVASIÓN romana, ou antes, seguramente cos contactos entre civilizacións, mesmo coa grega …
    (claro todo isto non ten sentido se o mundo keltoi non estaba unido alomenos culturalmente de algún xeito e non eran máis que “tribus” illadas que se disputaban os territorios e so SE XUNTABAN UNICAMENTE para ir a defenderse dos romanos a “Portugal”, e como mercenarios de campañas militares chegadas do sur de África por exemplo ; ).
    … Un dato moi importante para min,e que non atopo quen o analice, é a pervivencia e convivencia de dolmens e petróglifos durante toda a idade do ferro, e penso que é moi posible que se integrasen na propia cultura da época antes da chegada dos romanos, poñamos SVIII…
    (nota que me deu en persoa Carballo Arceo (^’^eu botáballe menos) mesmo faloume da presenza antes de celtas nesta terra, non sei, iso suporía anterior a la Téne, suporía unha expansión Hallstatt)
    …ao SIV, pois os períodos de destrucción destes vestixios máis antergos, é máis recentes,,,
    (interpreto que sobretodo despois dos reis católicos e en épocas de moito poder eclesiástico penso eu, ainda que de seguro, as canteiras gordas comezan dende o meu punto de vista, a partir do románico),
    …a miña imaxinación di que como o proceso romanizador foi lento, e verdadeiramente non chegou a “producirse”…
    (xa non era o imperio o elemento coligador senón a relixión a partir dos Suevos),
    … ata despois dos “séculos escuros” …
    [lembremos a construccións das muraias romanas, o alineamento de suevos e galaicos contra romanos, a decapitación de patricios, que os romanos montaron as súas propias cidades, (poucas e situadas estratexicamente para o expolio) e que tiñan campamentos de vixiancia disperdigados en diferentes puntos claves do territorio, ( expl: a cidá preto de sobrado dende onde divisar os vales dos cursos medios do tambre e do ulla) …]
    … a miña fascinación polo estudo que ando a tentar descifrar e anlizar de David ROMEUF ben de que todos estes puntos podían ter unha funcionalidade para os habitantes deste milenio, dende a delimitadora, ata a señalización xeográfica, pasando pola solución da cuestión relixiosa, antes da chegada dos romanos.
    anda que como lug so significase “espazo natural protexido” e nadamais pasase a ser deus logo da chedada dos… boh! xa non os mento
    un saudo e gracias por esta nova achega do mundo arqueolóxico.

  2. 23 / Decembro/ 2015

    Grazas por escribir, Lois! Coincido contigo en que está aínda moitísimo por estudar. O dos fenómenos arqueoastronómicos, por exemplo, é un ámbito ben interesante e que dá -e pode dar- moitas sorpresas, sendo o vínculo cos astros e a súa indicación das estacións anuais tremendamente natural nunha sociedade agraria. Por poñer un caso, aínda hai pouco, unha vella nunha aldea de Ames sinaloume o Pico Costoia, que é un outeiro que está ao lado, e chamoulle o “reloxio de sol”. Empregaban a sombra do outeiro (que é moi a pico no final) para regular o regadío! Pois ben, nese pico ademáis, hai restos inéditos dun aterrazamento artificial de época indeterminada. Nalgo aparentemente tan estudado e machacado como é a tradición oral galega, todos estes fenómenos a penas están recollidos e xa, moi posiblemente, non teñamos chegado a tempo para salvalos ao longo e ancho do territorio.

  3. miguel
    31 / Decembro/ 2015

    Costoia ven do latín Custodia, protección, garda

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *