Vermello contra o mar é o título da miña nova columna en La Voz de Galicia, edición Barbanza. Todos os venres publicarei esta columna na edición en papel e electrónica do xornal, fundamentalmente tocando contidos e temáticas da miña querida comarca. Aquí podedes ver a columna fundacional, publicada o venres pasado. Como non podía ser doutro xeito, e como é de recibo e boa educación galaica, a miña primeira columna contálle aos lectores da comarca de quen veño sendo.
De quen veño sendo
Voume presentar nesta primeira columna, e fareino ao xeito de Daniel Defoe na súa novela Robinson Crusoe. Nacín en 1976 en Palmeira, de boas familias que andaban ao mar e na terra; as miñas raiceiras teñen topónimos sonoros e profundos dignos das Sonatas de Valle-Inclán: son da Ameixida, da Mirandela, de San Lázaro, de Sálvora e do Deán pobrense. Pertenzo á clase media da Mariña Mercante e o Gran Sol. Meus avós foron patróns e mariñeiros, loitaron na Guerra e calaron despois.
Son carreirán e cochero. A miña avoa materna traía atúns na pel e a paterna recitábame antigas palabras inéditas. Cando morreu meu avó pasoume á cabeceira da mesa sen explicarme por que. Os sentimentos profundos non teñen palabras. O meu avó materno morría polas películas do neorrealismo italiano, para indignación da miña avoa, que as prefería en cor e con mulleres enxoiadas. O meu avó paterno tecía vimbios mentres asubiaba. Meus pais herdaron unha vella ética deles: a da boa xente. Trouxeron a casa computadoras pioneiras de 64 kbs e cursos de inglés a distancia, e desas dúas cousas, miren que cousas, vivo hoxe.
Se digo que son “vilego”, pregúntanme se son portugués, e eu respóndolles que máis ben da Pobra do Caramiñal: a cabalo entre mar, cidade e campo. E a voz desa miña xenea sóame cada vez máis forte en refráns: “Vermello contra o mar / colle os bois e vai labrar”. Hoxe interpreto esta sentenza doutro xeito: é o momento propicio para facer cousas. E niso estamos: cada venres virei arar palabras a esta leira de La Voz de Galicia.
Foto: Waldo

Encarnado o monte colle a senlla e vai a fonte
Entón tendes un monte entre o mar e a aldea. ;-)