Castros de Fisterra: viaxa entre a lenda e a Historia este sábado 12

Este sábado 12 de decembro propóñoche unha actividade entre a arqueoloxía e a lenda: unha primeira exploración á vella terra dos Nerios, un dos pobos máis famosos da Gallaecia prehistórica, que tivo o seu asento ao redor do cabo de Fisterra. Pola mañá poderás coñecer connosco dous interesantes xacementos: o espectacular Castro do Castelo, ubicado nunha impresionante zona paisaxística pouco coñecida, e do que teño falado xa en Capítulo Cero, e logo o castro de Duio, berce da mítica lenda da rica cidade á que chegaron os discípulos do apóstolo Santiago. Pola tarde, ás 19 h., no Salón de Plenos do Concello, presentaremos o proxecto Castros de Fisterra, no que coñecerás e poderás contribuír tamén se queres a esta iniciativa para a promoción do patrimonio arqueolóxico da terra da fin do mundo. O roteiro é de balde e non precisa inscrición. Se chove, que por agora o tempo indica que non, haberá unha charla divulgativa sobre a Idade do Ferro en Galicia.

11:00H.- ROTEIRO ARQUEOLÓXICO E AMBIENTAL POLOS CASTROS NERIOS
Saída desde a aldea de Castromiñan guiado por Manuel Gago, Carlos Otero, Xosé Gago e Martiño Nercellas.
Visita ao Castro do Castelo e ao Castro de Duio. Duración: 2 horas.
Se chove, haberá unha charla divulgativa sobre a Idade do Ferro en Galicia na Escola de Suarriba.

19:00H.- PRESENTACIÓN DO PROXECTO CASTROS DE FISTERRA.
Salón de actos do Concello de Fisterra.

INTERVEÑEN:
José Marcote Suárez.- Alcalde do Concello de Fisterra.
Felipe Criado.- Presentación do INCIPIT-CSIC e das liñas de investigación.
Carlos Otero.- O proxecto arqueolóxico. Intervención en Castro do Castelo e Castro de Duio.
Manuel Gago.- A estratexia de comunicación e intervencións complementarias non arqueolóxicas.
Xosé Gago.- Turismo, didáctica e participación social.
Martiño Nercellas.- Caracterización ambiental do espazo onde se asenta o xacemento e consideracións legais na súa planificación e ordenación a efectos urbanísticos de protección.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *