A semana pasada presentouse no Gaiás o libro Mexillón de Galicia. A presentación estaba chea a rebentar, e non precisamente de xente do mundo da cultura, senón do ámbito do sector do mexilón, o cal aínda o fai máis atípico pero tamén máis simbólico. Durante moitos anos, a desunión foi unha constante no ámbito do sector do mexilón, fragmentado en múltiples intereses e con numerosas confrontacións: o problema máis visible de cara o exterior desta situación era, precisamente, a inexistencia dun marco común de presentación e marca dun dos produtos bandeira das rías galegas.
Velaquí que se daba unha curiosísima situación, especialmente se a miramos desde o punto de vista do marketing da alimentación, e que durante moitos anos compartiron o mexillón e o pemento de Herbón: dispuñan no mercado -especialmente no español- dunha imaxe de marca fortísima, claramente identificable, unha marca dalgún xeito creada pola interpretación dos consumidores, pero carecían dunha estrutura institucional que promovera exactamente esa marca, lle dera corpo e substancia. Cónstame -porque o teño experimentado- que a diferencia entre o mexillón galego e os outros mexillóns comercializados das costas europeas, como a Bretaña, é tan grande e tan favorable ao mexillón galego, que era normal que esta situación favorecera moitos intereses.
Xa que logo, resultoume especialmente grato ver como a presentación deste libro, Mexillón de Galicia, concebido e fotografiado polo curtido fotógrafo Xurxo Lobato, servía como unha especie de carta de presentación da nova etapa deste produto. O libro, moi impactante, creo que funcionará moi ben especialmente nos mercados de importación do noso produto, que é onde debera apoiar a creación de valor engadido para a marca. Se un o mira con ollos de estranxeiro, decatáse do suxestivo que é todo o mundo que rodea ao cultivo deste marisco.
O Consello Regulador da nova denominación de orixe do Mexillón de Galicia non o vai ter doado, como ningún consello cando comezou, pero con iniciativas así e moita man esquerda, seguro que a nova marca terá ventura e suporá unha consolidación do produto de calidade na exportación.

Be First to Comment