Novo deseño de Capítulo Cero

Hoxe estreo novo deseño en Capítulo Cero. Trátase dun cambio bastante grande con respecto á xeración anterior e posiblemnte, o sexto deseño do blog desde a súa estrea nun distante 2003. Gústame sempre facer un post explicando que é o que cambia e por que: sempre hai unha razón, un motivo e unha estratexia.

En primeiro lugar, o blog cambia porque o seu propietario cambia. Os vindeiros meses, como veredes, van ser meses importantes para min desde o punto de vista editorial. Teño tres boas sorpresas preparadas que irán xurdindo nos vindeiros meses. Pola miña banda, supón alternar a publicación electrónica con formatos híbridos, e moi distintos. Así que 2016 será un ano tremendo para explicar historias de longo alento. Era preciso un blog que permitira visualizar información sobre libros e proxectos que nos van acompañar e que van xenerar información e necesidades durante bastante tempo. Creo que este estupendo theme, Himmelen, producido por Dedalx (grazas pola axuda), é excelente para albergar información que non é tan efémera coma un post.

Relacionado con isto, estaba buscando un deseño que encaixara con cousas máis etéreas, como os valores que penso que ten Capítulo Cero, desde a súa veteranía como o gusto por contar historias, un punto de vista paixonal pero equilibrado e a apertura de mente a ideas, conceptos e visións innovadoras e ás veces confrontadas.

Un terceiro aspecto máis que importante é a necesidade de responder visualmente á cada vez maior demanda de contidos desde dispositivos móbiles. Incluso nun público tan conservador nas tecnoloxías e no modo de navegar como é o galego, a irrupción desde tablets e teléfonos móbiles (provocada por acceder aos contidos de Capítulo Cero desde ligazóns en redes sociais) é enorme. A este público había que darlle un soporte moito máis amable e agradecido.

E, por último, outra teima de Capítulo Cero é conseguir unha boa conciliación entre fotografía, vídeo e texto. Nos vindeiros meses en Capítulo Cero vai haber unha aposta máis grande por vídeos e modelos 3D que van completar a fermosa experiencia visual habitualmente fornecida polas fotos de Sole Felloza. É preciso unha maqueta que permite respirar a todo este contido.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *