Onte, Javier Romero de La Voz de Galicia edición Barbanza pediume un artigo para acompañar esta reportaxe sobre a presenza de patrimoniogalego.net no Barbanza.
Tituleina A polas fichas!, e é un chamamento a colaborar neste gran proxecto colectivo que está a piques de chegar xa ás 8.000 fichas creadas. Fai parte desta historia épica!
Cando fundamos patrimoniogalego.net concibímolo como unha ferramenta para pasar da queixa á acción. Neste país de queixas, hai que crebar a inercia e pasar á acción. O noso proxecto é moi simple: facer visible o patrimonio cultural do país para que isto permita estudalo, conservalo, protexelo e coidalo. Nós somos da teoría de que a mellor forma de protexer o patrimonio é facéndoo público, deixando que a xente o visite, que estea na súa boca. A miña experiencia é que os cacos, os espoliadores e os destrutores de patrimonio actúan sempre en sitios que ninguén coñece ou que a ninguén lle importan.
E para iso, hai que encher fichas. O inxente patrimonio cultural do Barbanza aínda debe ser moito máis cuberto. Introducir en patrimoniogalego.net o patrimonio cultural da nosa aldea, da nosa parroquia ou vila é poñela no mundo, introducila nun espazo que vai facilitar que moita xente empregue esa información para facer turismo, para coñecer Galicia e mesmo para chamar a atención elementos que non figuraban nos catálogos oficiais. En varias ocasións as fichas de patrimoniogalego.net xa teñen evitado que algúns bens foran destruídos ou o seu contorno notablemente alterado.
Calquera pode facelo. Non hai que ser experto. Simplemente, ter gañas e crear unha conta gratuíta (todo é de balde) e todo o contido que publiques, ademais, seguirá sendo totalmente teu. Se tes dúbidas, un dos nosos editores vaite botar unha man. E cada paso que damos é un avance de xigante para crear un futuro para o noso inmenso legado cultural. Contacta connosco en patrimoniodegalicia@gmail.com e axudarémoste a comezar.

Be First to Comment