Last updated on 2 / Outubro/ 2015
Non hai nada máis marabilloso para un escritor que ver que o seu libro cobra vida, é personalizado, hackeado e reinventado para diferentes públicos. Niso hai que agradecer moito aos mediadores culturais (profes, monitores, técnicos de cultura, bibliotecarios) a súa capacidade de inventiva e profesionalidade.
Sara Vieites envioume o Gran Xogo que elaborou, xunto con Andrea Regueira, para os nenos de Conxo (un barrio compostelán ao que lle temos moito agarimo) a partir de Vento e Chuvia. Un xogo con algunhas partes ambientadas no centro e unha Gran Final na que os nenos buscaban no monte Pedroso as claves que lle faltaban.



Así nolo contaba Sara:
Levamos algo máis de dous meses facendo unha dinámica ao redor do libro, un gran xogo, que rematou este pasado sábado cun xogo final no Pedroso.
Traballamos con rapaces e rapazas de entre 5 e 13 anos, e cada trimestre apoiámonos nunha temática diferente. Levamos anos traballando con rapazada e poucas veces gozaron tanto coma neste xogo.
Comezamos cunha carta de Reue que nos trouxo Graio a través dunha viaxe no tempo, unha viaxe que máis adiante teríamos que facer todos/as. Adxunto a carta por se queres botarlle un ollo. Adxunto tamén algunha foto para que poidas facerte una idea.
A partir de aí comezou unha aventura na que tivemos que ir revivindo aos deuses e deusas (mediante mil xogos, obradoiros e dinámicas diferentes). Misión, que foi completada con éxito.
Ao final do xogo no Pedroso, de volta ao centro sobre as 21.00 horas, descubriron pendurado da árbore o teu libro, e quedaron abraiados. Era a árbore onde comezara todo, onde no seu día fomos a invocar aos deuses. A día de hoxe seguen consultándoo, pois todo o que estiveron vivindo durante dous meses resulta que estaba recollido nun libro!
Sara, simplemente darte as grazas por facer vivir un libro máis alá das túas páxinas. Non sabes o emocionante que é iso para quen escribe.
Lembrade que a nova edición de Vento e Chuvia é unha Edición de campo, de peto, para novos exploradores.





Be First to Comment