Os que me coñecedes xa sabedes moito da miña idea sobre o libro físico: creo que cada vez máis o mundo dixital está a cambiar os valores dos libros físicos, que prolongan e modifican a súa vida, e que non temos que ter medo a experimentar con eles. Con Vento e Chuvia decidimos facer unha aposta un pouco peculiar: finalizamos a edición do formato de luxo. É dicir, os que tedes ese libro magnificamente editado contades, a partir de agora, cun libro que xa é único, un libro que, ao mellor, pode gañar valor cada día que pasa. Unha edición “príncipe” que está practicamente esgotada en librarías, e que non se vai reeditar neste formato. É un premio pola vosa confianza e o voso agarimo ao adquirila. Un consello: se queredes adquirila nese formato movédevos rápido por algunha libraría física ou electrónica porque o stock que queda é mínimo.
A partir de agora, Vento e Chuvia inicia un novo camiño coa súa Edición de Campo.
A Edición de Campo é propiamente, unha edición de peto. Edición e impresión máis barata (o custe para o lector pasa de ser 23 euros a 13 euros), pero tamén distinta á anterior, e por iso lle chamamos Edición de Campo. Trátase dunha edición que incorpora novos contidos con respecto á anterior, e que se substancian nun prólogo adicional para esta edición e toda unha serie de notas acompañando cada un dos relatos, con interesantes propostas para profesores, pais e rapaces para explorar e viaxar polo territorio galego, disfrutando da arqueoloxía e podendo xogar coa interacción entre historia e ficción que se propón todo o tempo nas historias dos deuses. Ademáis, inclúense os roteiros antes só dispoñibles na web oficial. A Edición de Campo é, polo tanto, un libro máis orientado a novos lectores. Este é un libro para ser manoseado, para levar no peto do pantalón, na mochila ou no bus. A miña maior alegría sería ver exemplares da Edición de Campo de Vento e Chuvia manoseados, con terra entre as follas e algunha que outra rañadura de toxo e silveira.
A partir do día 3 de setembro, podedes atopalo nas librarías.

Vaia agasallo de cumple me tiñas preparado, Manolo! ;)