Restaurante Seiruga, en Malpica: cando o arroz é puro sabor

Last updated on 7 / Xullo/ 2015

Non é doado para min atopar na Costa da Morte referencias recomendables, especialmente cando saímos dese miragre chamado Caldebarcos e algunhas outras referencias illadas ao longo da costa, que son como illas benaventuradas nun océano gastronómo demasiado azaroso e complicado. Pero teño que falarvos do que para min é xa un sitio de referencia: o restaurante Seiruga, na aldea de Seiruga, Malpica. Nun contorno natural fermosísimo, no que un río desemboca, entre dunas e caniverais, nun litoral accidentado recortado, ao fondo, pola impresionante presenza das Sisargas, o restaurante Seiruga defínese como especializado en arroces e peixes.

O Seiruga é a proposta gastronómica dos pais do chef do inmediato restaurante As Garzas. Un pouco máis moderado de prezo que o estrelado Las Garzas, é un exemplo de como crear unha cociña mariñeira de calidade absolutamente excelsa, combinando técnicas modernas e sabores tradicionais. Pedimos un polbo á prancha, que se sirve enteiro, como vedes nesta foto, con esta presentación fantástica. O polbo estaba realmente espectacular: un punto de cocción e brasa que realzaba todos os sabores. Por intelixente suxestión de Antón, decidimos probar o arroz caldoso de peixes e mariscos, para ver como se desenvolvían en cociña con eses fondos e caldos de peixe necesarios para facer algo así. Ben, pois teño que dicir que é dos mellores arroces caldosos que teño tomado nunca. Unha absoluta marabilla que incitaba a non parar, xeneroso na abundancia de peixes e mariscos que acompañaban un delicioso prato. Regado cun Tricó 2011, que está claramente no seu momento álxido, acompañados do mar de Malpica e as Sisargas, hai poucos praceres semellantes. Quedáronme gañas de acampar na praia e ir pedindo para as comidas e ceas seguintes o resto dos arroces e os peixes á prancha.

Os postres, se cadra, non están á altura global dos entrantes -unhas estrañas filloas flambeadas, moi fariñentas-, pero non podiamos deixar de lembrarnos o maxestuoso arroz que acababamos de tomar. Para a memoria e, sobre todo, para repetir. Sobre 35 euros.

4 Comments

  1. Antón Malde
    6 / Xullo/ 2015

    Delicious!

  2. Cossue
    6 / Xullo/ 2015

    Restaurante _As_ Garzas ;-)

  3. R.
    31 / Agosto/ 2015

    A familia completa desta casa dá fe do que di do arroz; eu nunca tal probara, e iso que por aquí non se nos dá nada mal.

    A praia, ademais, non ten desperdicio: nenos chapozando na zona tranquila e outros collendo olas na de fóra. Unha marabilla.

    Gracias pola recomendación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *