Sen dúbida a adega Ponte da Boga está a desenvolver unha personalidade propia na Ribeira Sacra. O respaldo da súa incorporación á cervexeira Hijos de Rivera axuda a que a adega poida levar a cabo ás veces proxectos singulares que van máis en fortalecer a marca dentro dun segmento medio-alto que en obter a rendibilidade económica directa, e no que se revela tamén unha confiada visión a medio-longo prazo para nada usual no viño galego.
Este é o caso da serie de viños Ponte da Boga Expresión, marcas con pouca produción e estilos singulares (5500 botellas no caso desta Expresión Barroca) cos que a adega está a conmemorar 800 anos da catedral de Santiago a través de viños que conteñen os estilos artísticos máis presentes no edificio: Expresión Románica, Expresión Gótica e este Expresión Barroca 2013. É tamén singular a aposta de Hijos de Rivera por vincular estes viños ao mellor do patrimonio cultural do país. O martes presentouse no Pazo de Oca, no marco dun elegantísimo e especial acto que incluía música, dramatizacións e catas ao longo do complexo axardinado e aristocrático de Oca.

Dominique Roujou, enólogo, explica o viño
Na cata, amósase unha vez máis a versatilidade da Ribeira Sacra para explorar os límites da tipicidade, creando viños nos que recoñecéndose o terroir, son claramente distintivos. Estamos falando dun viño de certa singularidade, outorgada seguramente pola presenza das castes autóctonas. Cun 70% de mencía, o coupage vén enriquecido por unha boa achega de sousón e complementariamente con merenzao e brancellao. O resultado é viño que preserva o frescor da mencía da Ribeira Sacra, coa súa frutalidade golosa, pero que ten como principal característica, ao meu ver, a amplitude coa que o viño expresa os seus matices ao principio na boca. É un viño que se abre en confianza e conta historias de froitos vermellos, de notas minerais suaves, de froita que pide madurar. Esta amplitude inicial facilita que sexa un viño moi fácil de beber, que acompañará comidas fortes e contundentes establecendo un contrapunto refrescante e agradable. Ao mesmo tempo, o viño é capaz de conciliar esa amabilidade con certa complexidade que sucede ás marxes e no posgusto, onde se cadra o terreo se manifesta máis que a froita, e aparece certa mineralidade.
Fotos: Sole Felloza

Desexolle moita sorte, mais eu non gostei do Expresión Gótica, non me surprendeu. Tiña confianza por eu ser un consumidor habitual de Ponte da Boga. En calquer caso parabéns a inovación!