A última viaxe mariñeira dos monxes da Mercé

Un estraño costume dos monxes da Pobra do Caramiñal enlaza as relacións de poder entre comunidades relixiosas coas antiquísimas lendas locais

Levo toda a tarde dándolle voltas a unha imaxe fascinante, destas que visualizas máis ben no escenario dun filme, que non acabas de comprender totalmente, que en si mesma é un trazo impactante que fica na retina e na memoria. Unha historia das ritualidades e dos costumes que se preservaban, como relacións de poder, e como relacións simbólicas, na Galicia de hai uns séculos. Para situarvos: na miña vila, na Pobra do Caramiñal, había un mosteiro franciscano fundado pola familia Xunqueiras no século XV. Foi fundado na parroquia do Xobre, ao pé dun castro, sobre o mar e sen dúbida o lugar debía ter unha antiga tradición xa. Hai non moitos anos rescatouse unha ara romana empregada para atar as dornas aló.

No medio da ensenada da Pobra do Caramiñal había tamén outro famoso lugar de monxes: o Priorato da Mercé. Dependía de San Martiño Pinario e existe tamén cando menos desde o século XVI (e seguramente desde algo antes). O lugar é famoso porque alí durmiu Frei Martín Sarmiento o día anterior á exploración que fixo do vello mosteiro en ruínas da Miserela e do misterioso Pozo Negro que o rodea, pero tamén porque Valle Inclán mercouno para construír alí o seu soño de fidalguía rural. O sitio, nas últimas décadas, estivo rodeado de polémica por temas de propietarios, propiedade da capela, etc. Mirade este mapa para situardes os dous lugares, que vedes que non están especialmente distantes, aínda que no camiño entre os dous había que superar tres ríos.

Pois ben. Hoxe estiven lendo un interesantísimo libro de historia local: Heráldica de A Pobra do Caramiñal. Sus Linajes, do señor Ramiro Villoch, editado polo Liceo Pueblense. Entre outros interesantes datos sobre a vila que aquí se mostran, aparece unha imaxe fantástica. Aínda que a capela do priorato da Mercé era tamén lugar de enterramento, os seus monxes tiñan dereito a ser enterrados en dous sitios: a igrexa de Postmarcos (a da parroquia na que está o priorato) e no mosteiro do Xobre. A cuestión é o que facían cando tiñan un monxe morto. Os monxes buscaban un barco de certa entidade e construían todo un ritual. A cruz da Parroquia de Postmarcos púñase na proa do barco, e o morto era levado polo mar, acompañado da súa congregación de monxes, ata o mosteiro do Xobre, onde os franciscanos recibían e acollían ao beneditino morto e puñan en marcha todos os rituais do funeral.

O señor Villoch busca unha explicación práctica para este chamativo comportamento. O mal estado das estradas e o feito de que os pasais dos dous ríos que era necesario atravesar para chegar ao mosteiro estaban anegados no inverno (en realidade tres). Pero a historia, nun mundo tan ritualista coma o do Antigo Réxime, onde como digo todo está codificado e regulamentado, parecíame un pouco estraña como para obedecer unicamente a unha cuestión práctica relativamente menor. Hai que ter en conta que no Antigo Réxime moitos mortos de certo poder trasladábanse durante moitos quilómetros para seren soterrados alí onde se indicaban as mandas testamentarias. Lin os diferentes exemplos do señor Villoch e algúns dos enterramentos prodúcense en xullo ou xuño, en época sde seca. E en ningunha das crónicas de traslado se fala da excepcionalidade do recurso marítimo, senón todo o contrario: parece unha parte máis do sepelio.

Estamos ante un fascinante e sorprendente ritual que non podo deixar de poñer en conexión con todo un universo de crenzas nas que o católico e o pagán se entrecruzan. O Priorato da Mercé está ao carón da desembocadura do río Pedras, que as vellas lendas de Postmarcos falan de como foi remontado por San Amaro nunha barca de pedra para fundar o mosteiro de San Xoán da Miserela. Monxes e santos navegantes, entre as illas de Solstición e o mundo normal, entre o paraíso, o mundo dos mortos e o dos vivos. Este estraño xeito de trasladar o corpo debe lembrar unha antiga alianza, pero tamén se cadra esta última viaxe reproduce -aínda que xa eles, ao final, no XIX, non foran totalmente conscientes- unha antiga viaxe ao mundo dos mortos ou ao encontro de Deus, no final do mar.

Non podo menos que lembrar tamén que os monxes do mosteiro do Xobre viñeron tamén das entrañas da serra do Barbanza. Abandonaron no século XV aquel vello eremitorio fundado, nas lendas, por San Amaro nunha barca de pedra, e mantiveron a memoria dese traslado dun xeito detallado. Así o lin eu fascinando hai xa máis dunha década, nun manuscrito que aínda non foi editado e que espero que siga existindo. É todo ese universo de memorias, lendas, de devocións e de rituais que consolidan relacións de poder, o que escenifican estas procesións de defuntos mortos polo mar.

12 Comentarios

  1. Pablo
    1 / Xuño/ 2015

    En el 1292, en la manda del señor de Saxamonde (Redondela) dejaba ordenado que se enterraría en el claustro del monasterio de Melón , con sus antepasados. Una ruta atravesando los montes de A Cañiza y un montón de obstaculos naturales, que serían unos 40 km. y no llevaría menos de 2 ó 3 días.
    La irían por el mismo camino de peregrinación que hoy se llama ruta da franqueira.

    Por cierto que la manda está escrita en un gallego perfecto,igual al que se habla hoy en nuestra zona, ni rastro de lusismos ni chorradas. Debe ser uno de los documentos en gallego más antiguos.

  2. Pablo
    1 / Xuño/ 2015

    Me gusta la referencia a Trezenzonio, que por cierto, ¿cual sería la Gran isla del solsticio? una isla real (azores,madeira) o una imaginaria,relacionada desde tiempos inmemoriales con los ritos solsticiales, la resurreccion etc

  3. 1 / Xuño/ 2015

    Ola, Pablo, o documento máis antigo escrito en galego é de 1228, pero está escrito nunha linguaxe formal e elaborada que, segundo o seu investigador, indica que había unha tradición escrita que xa se perdeu. Aquí máis info.

    http://es.wikipedia.org/wiki/Fuero_de_Castro_Caldelas

    Eu creo que todo este mundo das illas marabillosas está baseado, obviamente, na existencia das illas do Atlántico pero creo que hai un momento que realidade e imaxinario despegan e sepáranse. A tradición das illas como lugares sagrados xa as temos nas referencias dos autores clásicos ás illas da costa galega como Insulae Sacratae.

  4. 1 / Xuño/ 2015

    Se non hai todavía libro sobre o tema, gustaríanos editalo, alguén se anima a escribi-lo?
    Buscamos temas históricos inéditos para editalos.
    un saúdo

  5. Nano
    1 / Xuño/ 2015

    Durante a Idade Media e a Moderna os mortos de calquera aldea fan un recorrido determinado e propio da súa parroquia; este camiño aínda hoxe en moitos lugares se denomina “camiño dos mortos” , que era propio e de seu de cada parroquia ou lugar. Non se entremezclaba co da outra parroquia. Había que respetalo como tal. Hoxe en día todo iso desapareceu.
    Saúdos

  6. 1 / Xuño/ 2015

    Efectivamente, Nano, o que está pouco estudada é esa rede de Camiños de Mortos. En que medida combinarían practicidade (rapidez, menos enlamados, etc.) -que sería fundamental-con referencias simbólicas (cruceiros, petos de ánimas, etc.). Todo iso sería moi interesante estudalo.

  7. Miguel
    1 / Xuño/ 2015

    Boas tardes. Non é certo que o documento de Castro Caldelas sexa o máis antigo en galego, senón que é o máis antigo atopado en Galicia, hai documentos algo máis antigos procedentes de Portugal (galego e portugués naquela época eran practicamente indistinguibles, eran un único idioma, sen discusion posible. Certo é que nalgúns documentos comezan a verse trazos galegos específicos, pero depende do tipo do documento)

  8. Miguel
    1 / Xuño/ 2015

    En Monção (Minho, Portugal) hai unha ruta de sendeirismo chamada Caminho dos Mortos, porque segue unha destas rutas

  9. Xose Luis García
    1 / Xuño/ 2015

    Sen dúbida coñeces os traballos do prof. Alonso Romero arredor de Miserela, non si? (Santos e barcos de pedra, ou algo así). Hai anos (un lote) que non leo nada de todo isto, pero se cadra podería amosar outros posibles fíos dos que tirar. En todo caso, que suxerente todo canto contas!!!!

  10. 1 / Xuño/ 2015

    Si, si, coñezo ben eses traballos do profesor Alonso Romero. Hai todo un mundo aí que se interrelaciona do xeito máis interesante, Xosé Luis!

  11. Antón
    7 / Xuño/ 2015

    E Onde se podería conseguir o libro das liñaxes da Pobra? Entrei no seu portal pero nin se fala da obra…

  12. 8 / Xuño/ 2015

    É que como se di no propio post, ese libro non o escribín eu, senón o Ramiro Villoch. O libro está editado polo Liceo Pueblense. Pode preguntar aí ou en calquera libraría da Pobra, que malo será.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *