Aguafuertes gallegas, de Roberto Arlt: unha visión distinta da Galicia dos anos 30

Last updated on 31 / Maio/ 2015

Descubro, fascinándome a cada liña que avanzo nos textos, un impresionante escritor do que nunca oíra falar, morto prematuramente. Roberto Arlt, un fenómeno da prosa arxentina que nos agasallou en 1934-1935 cunha auténtica xoia que merecería moito máis recoñecemento. Roberto Arlt estivo en España como correspondente do diario El Mundo e deu con Galicia, facendo unha sorte de camiño de volta dos emigrantes e lendo este país desde a perspectiva de quen primeiro coñeceu a etnia e logo o territorio. Escribiu un libro breve que impacta na cara e na alma coma poucos: Aguafuertes gallegas.

Son absolutamente impresionantes. Primeiro, na forma. Un estilo afirmativo, asertivo, que sabe explorar os límites da lingua e, desde logo, as fronteiras entre o xornalismo e a literatura, nas que se move con facilidade pasmosa. Arlt é quen de construír imaxes impresionantes e deixalas suspendidas na imaxinación mentres a súa tese avanza. O segundo é o que ten que ver coa imaxe de Galicia que se transmite nela.

Arlt atopa en Galicia un mundo notablemente distinto ao resto de España, que mesmo a nós nos resulta un pouco irrecoñecible. Encántalle Vigo, A Coruña, Betanzos. Atemorízalle -se cadra esa sexa a palabra- Santiago. De Vigo e a Coruña fala como cidades silenciosas, aseadas, organizadas; Vigo volcada ao traballo e a Coruña á vida; son cidades que el, fascinado, recoñece como extensión de Bos Aires na xeografía mental das xentes que viven nelas. Cidades con carácter moi distinto que compensa apreciar. Santiago é unha sorte de golem medieval, tenebroso e baleiro de xente a calquera hora. Marabillosa é a crónica dos Caneiros de Betanzos, pura felicidade en letras. Arlt fíxase nos obreiros, nas mociñas novas, nas mulleres campesiñas (o capítulo dedicado a elas é marabilloso) e, importante, denuncia a propia imaxe que de Galicia -chorona, vencida, triste, hiperbolicamente salvaxe- transmiten os nosos escritores, nomeadamente Valle Inclán.

Porque isto é o interesante: Arlt fainos unha lectura que ás veces prende dos tópicos, pero moitas veces é unha visión distinta de Galicia. É unha Galicia dinámica, valente, volcada no progreso e na supervivencia, disposta a avanzar; ao mesmo tempo é unha Galicia ancestral e pagá e, sobre todo, non é un espazo miserable, senón incomparablemente fermosos. Ando tempo a pensar nisto, a raíz dun libro de García Martí que estiven lendo. En que medida nos pesan, a nós mesmos, os nosos propios tópicos?

As Aguafuertes gallegas son unha auténtica xoia literaria. Velaquí fica este consello.

2 Comments

  1. Moisés
    30 / Maio/ 2015

    Trabucácheste co apelido: Arlt, non Artl.

  2. 31 / Maio/ 2015

    Grazas polo aviso!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *