Confieso que he comido, as memorias gastronómicas de Miquel Sen

Moi pouca xente sabe isto: o mestre de xornalistas gastronómicos Miquel Sen leva hoxendía unha apacible (e descoñecida) vida de descanso nunha casiña bonita sobre o porto de Corme co seu fillo Mateo e a súa muller Bernadette. Desde ela estuda todos os ventos que baten neste Atlántico bravo e se marabilla de que a paisaxe, todos os días, sexa distinta aos outros. Ten a cen metros da casa un petróglifo da Idade do Ferro e a lonxa e o mercado a dous pasos. Desde alí, retirado das cámaras e das operetas gastronómicas, Miquel mantén o seu sitio Gastronomía Alternativa, demostración patente de que Internet hoxe permite manter un sitio de referencia desde unha periferia mesmo dos mundos que Miquel Sen frecuentaba.

Miquel Sen é para min unha referencia básica do xornalismo gastronómico. Se en Galicia só temos un activo (Miguel Vila) e outro retirado, máis orientado á alimentación que a gastronomía (Couselo), podemos dicir que no Estado español tampouco hai moitos máis, polo menos xornalistas que merezan un respecto polo seu traballo. Lendo e escoitando a Miquel Sen eu teño aprendido moito. Agardaba por este libro, Confieso que he comido, unha sorte de memorias gastronómicas que van moito máis aló, porque lonxe de ficar nun memorialismo cómodo e algo nostálxico, Miquel Sen sabe, como xornalista, adobiar eses recordos do pasado con chamadas ao presente (ou ao pasado inmediato, ao boom mediático da gastronomía), ofrecendo claves luminosas para entender mellor un mundo e un sector, o da alta gastronmía, que el coñeceu en distintas fases de evolución. Sen foi discípulo de Néstor Luján, andivo de parranda e comidas con toda a gauche barcelonesa -non sei se divine ou non- dos 60, 70 e 80 e coñeceu a transición entre un país pobre e atrasado a outro hedonista e inflado. Toda esa traza vital plásmase en Confieso que he comido. Falamos, polo tanto, dun libro para un lector intelixente que quere coñecer a evolución da gastronomía en Cataluña e no Estado como cultura, pero tamén das súas terribles tensións e contradicións internas, esas que xa sabe moita menos xente e das que nunca se fala. Miquel, que sempre foi un tipo tan discreto como lúcido e socarrón, foi dos primeiros en cuestionar, de maneira educada e culta, moito do que se agachaba baixo o mito de Ferrán Adriá, no seu libro Luces y sombras del reinado de Ferrán Adrià, publicado en plena burbulla gastronómica.

Confieso que he comido é unha reivindicación da gastronomía que, para ser importante, debe ser moral e eticamente irreprochable; unha das críticas máis lúcidas de Sen é o endeusamento actual dos cociñeiros, dalgúns, e observar como sen ningún tipo de problema ceden a súa imaxe para a venda de alimentos precociñados de dubidosos valores nutricionais ou sanitarios. Claro que hai nostalxia, como é de agardar, nostalxia dos grandes banquetes e das grandes experiencias, especialmente de aquela gastronomía que acaba sendo pilar de momentos claves dunha vida e de certo sentido cerimonial francés. Pero hai sobre todo unha ética da gastronomía e unha desazón polo negocio construído ao redor dela. Dinse en Confieso que he comido verdades como puños, pero non é un libro revanchista, nin moito menos; son unhas memorias amables pero nas que puntos e comas están postos nos sitios nos que as verdades do autor se marcan. É un libro para aquelas persoas que cren que ás veces hai que coñecer as caras escuras dos pracer, para apreciar mellor as luminosas.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *