A nova escada do castro de Baroña

A recuperación do castro de Baroña está dando lugar a achados fascinantes que cambian en gran medida a visión que tiñamos deste sitio arqueolóxico. Quero recomendarvos o blog Son do Mar, a publicación electrónica do equipo de Terra Arqueos que está a levar a cabo a restauración do castro, do que vou tirar estas imaxes e un fragmento do fermoso texto redactado por Ángel Concheiro para amosarvos este achado fantástico que apareceu.

As primeiras consolidacións dos restos arqueolóxicos escavados no seu día por Luengo, extensos frontes de derrubes e muros empoleirados sobre os cantís, acoirazaron os vestixios arqueolóxicos cunha resistente funda de pedra e formigón. Salvaron o depósito histórico, e ese é o seu gran e innegable mérito, pero crearon unha paisaxe monótona de circos pechados e longos valados de pedra. Un escenario mudo e inmóbil.

A observación e a análise previa das estruturas arquitectónicas, tanto in situ como sobre a documentación gráfica antiga pódenos levar a achados impensables. Neste caso, a descuberta dun fantástico sistema de acceso ao adarve da muralla, axuntado ao interior do paramento do primeiro recinto habitado. Trátase dunha escaleira en V,dobre e con chanzos xustapostos de xeito alterno. Pero esta estrutura marabillosa non estaba soa. Hai que poñela en relación co sofisticado proxecto de enxeñería defensiva que converteu a porta do castro dun monumento de gran forza escenográfica: un inmenso pano ciclópeo adornado por corpos de garda e torre barbacá.

Este achado volve a demostrar que o Castro está máis vivo que nunca e que podemos empezar a imaxinar ás persoas que subiron ao camiño de rolda polos seus chanzos gastados. Sei que nunca coñecerei os seu nomes, pero agora estou seguro de saber por onde se movían … e cada noite soño con eles.

En breve publicarei unha reportaxe sobre os novos achados.

2 Comments

  1. Marco
    14 / Maio/ 2015

    O que me chamou a atención da visita foron as escaleiras, non sei si tirarás por ahí no teu texto. Son distintas unhas e outras, pero están ahí, as escaleiras de entrada pola muralla, istas singulares escaleiras en V, as escaleiras de subida a parte do acantilado, as escaleiras agochadas que descubriu Yolanda de acceso o “santuario” (xa me tirarán a dar por decilo…). Pero cómo chamalo? Todas diferentes, todas ahí, en poucos metros.
    Aperta

  2. 15 / Maio/ 2015

    Ben pensado, Marco. O certo é que, botando man da memoria (que alguén me corrixa), se cadra sexa un dos castros galaicos con maior número de escadas en “espazos públicos”. En todo caso, gustariame saber que apareceu orixinalmente en todas esas zonas de escaleiras, tanto nas da porta principal como nas do acceso ao recinto interior. Como verás na foto que te enviei privadamente, aí pasa algo raro.

    Mágoa da inexistente documentación arqueolóxica do castro!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *