Embaixada do Melindre en curso

O peso da Galicia atlántica na actualidade é tan grande que ás veces nos crea espellismos sobre a imaxe de Galicia en todos os ámbitos. E o gastronómico non é o menor. Por iso está ben mirar para o interior, en todos os sentidos, e buscar a cultura e a vida das vilas e aldeas do interior do país, alí onde o tempo transita cunha dinámica máis tranquila -sen que afirmar isto signifique caer en tópicos- e persisten, dalgún xeito, moitas das vellas estruturas sociais e memorias gastronómicas dunha vella sociedade agraria, pacífica e europea. E velaí entran os melindres.

Non podo disociar os melindres e o seu delicioso sabor do contexto social no que estes melindres se cociñaban. Tralas matas do porco, o día do Santo Patrón, en aniversarios especiais. Neses momentos, as familias facían este doce -que permite mil fórmulas distintas- e ofrecíano nas bandexas, tras un farturento xantar, para ser acompañados cunha copiña de augardente ou de viño tostado. Os melindres son, por tanto, acompañantes da boa mesa, da boa conversa que se demora ata media tarde, do acompañamento co mellor viño da casa. Un agasallo para os sentidos, un sentido do encontro entre as persoas, que debera ir contido en cada unha destas pequenas rosquiñas, e que eu sempre lembro.

Hoxe terei a honra de ser investido Embaixador do Melindre no concello de Melide, durante a festa monográfica que dedican a este doce centenario, e só quero dar as grazas ao concello e tamén convidarvos a, este domingo, facer unha escapada a esta vila con moito que ver, nela e nos seus arredores, e disfrutar do miragre da repostería tradicional galega.

2 Comments

  1. 12 / Maio/ 2015

    Noraboa por ese título ben merecido !.

  2. 12 / Maio/ 2015

    Grazas!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *