
Detéñome a ler o Ravel de Jean Echenoz. Unha narración de cen páxinas dos últimos dez anos de vida do artista. Conforme vou avanzando nesta vida dun dos grandes músicos do século XX, o libro estóupame na cara
enchéndoma de preguntas. Nada pasa nesta narración, no sentido máis clásico: non hai unha trama nin un desenlace máis alá do fatal que todos teremos. Ademáis de non pasar nada, é que a técnica literaria de Echenoz, puntillosa na descrición dos detalles, recréase no aparentemente anecdótico dunha escena e máis outra; sen embargo, estamos atrapados na lectura, observando o devalar do protagonista, solitario e ausente, ata que a morte acaba por chegar. Mentres, non precisamos tramas nin intrigas, senón seguir con atención unha prosa tan sinxela como coidada ao estremo, que nos sorprende con pérolas de humor delicado. Canto tempo lle levará a Echenoz a documentación, comprender á súa personaxe, adentrarse nel coma un perfecto imitador? Cal será o límite da realidade que se concede Echenoz á hora de escribir? Miles de preguntas que me ficaron no aire cando rematei de disfrutar este magnífico libro.

Be First to Comment