Spot de “Galicia es única” (2006)
O Anuario Internacional da Comunicación Lusófona 2014, dispoñible online, acolle un pequeno estudo meu titulado “Consensos sobre a ausencia. O ‘destino Galicia’ na publicidade audiovisual da Xunta de Galicia”, no que analizo as mensaxes e a construción do destino Galicia no repertorio de anuncios audiovisuais financiados por Turismo de Galicia entre os anos 2006 e 203.
As miñas conclusións resúmense no propio título do artigo: un consenso contruído a partir de ausencias deliberadas. Estes anuncios conseguiron funcionar e ter a aprobación dun gran número de galegos de diferentes ideoloxías, e iso intrigábame: como se construiu algo aceptado por xente tan distinta? A miña proposta é que está construído a partir de facer invisible, de deixar atrás, de facer ausente todo aquelo que xenera problemática e conflito na nosa sociedade.
Este é un extracto das conclusións:
A publicidade turística tende a eliminar a conflitividade interna dos destinos, unhas veces camuflándoo e outras veces ofrecendo un discurso alternativo (…). As elusións e ausencias da marca Galicia revelan as profundas contradicións, dificultades e tensións sociais e locais existentes na Galicia contemporánea. (…) A elevada calidade técnica dos spots de Galicia -posiblemente en termos estéticos son os máis coidados e innovadores que se producen no Estado para a súa difusión en cadeas xeralistas- provoca unha primeira ollada acrítica.
Só cando se chama a atención sobre as ausencias é cando se percibe o produto publicitario como un modelo en certo xeito truncado, acomodaticio, que non só mostra, senón que tamén agocha. A construción dunha Galicia inmemorial permite hábilmente evitar as refefencias á industria turística galega actual, pero tamén aos debates ao redor dos modelos urbanos e de hábitat que queremos. Implica tamén unha renuncia dos propios xestores do spot en aceptar o que a Galicia do século XXI é a nivel humano, e o que pode amosar a un foráneo. A ausencia de localizacións concretas -que sempre son puntos que motivan o desprazamento dun usuario, que non vai só a “Galicia” senón a destinos determinados- permite evitar a confrontación do executivo autonómico cos poderes locais de todo tipo; a ausencia de sociedade supón tamén evitar a xestión de elementos de conflito e discusión interna.
A maiores, o discurso do spot está subordinado e estremadamente orientado a un destino concreto: o turista español. Os spots non tentan amosar unha visión de Galicia construída desde dentro, e desde o mundo actual, senón a que xa está construída polos demáis (e aceptada internamente). Como vimos, o turista español está especialmente consolidado no mercado do turismo galego, pero chama a atención que ante a necesidade de incrementar o turismo estranxeiro, o goberno galego se resigne a realizar campañas só en medios galegos e estatais. Unha ollada ás páxinas oficiais de turismo no Youtube de Euskadi e Cataluña permiten comprender que realizar esa campaña promocional -dentro das marxes competenciais do Estatuto- é perfectamente posible.
Aquí podes ler o artigo completo.
Último spot ata o momento: “Galicia o bo camiño”

Be First to Comment