Last updated on 1 / Abril/ 2015
Xusto enfronte da mítica Casa Marcelo, e no local do restaurante Huertas,referencia de certa gastronomía de nivel a principios dos 90 en Compostela, tres novos cociñeiros veñen de abrir unha nova proposta: a Horta do Obradoiro (rúa Hortas, 16). Son Francisco Kike Piñeiro, Vanesa Vera Avola e Eloy Cancela. Os tres son novos, pero tamén están bregados noutras cociñas.

A proposta do restaurante ten de todo en termos de deseño: desde unha pequena barra inicial ata un coqueto comedor de poucas mesas que atravesa unha rampa que conduce a un invernadoiro exterior, no que os clientes de barra común aproveitan a escasa luz compostelá e un pequeno espazo axardinado, estreito e cheo de árbores decorativas que caracterizan estas hortas secretas da rúa Hortas, ao pé da catedral, se cadra unha das chiscadelas máis encantadoras de Compostela. A propia casa do restaurante é un vello edificio do XVII, no que a tradición conta que viviron os músicos da Catedral. Aquí e aló hai chiscadelas que falan de como os propios cociñeiros estiveron involucrados nos procesos de reforma e decoración ata as cellas.

A proposta gastronómica é singular: hai unha carta dividida en tres módulos, no que un deles está baleiro e vai afín á vocación de aprendizaxe do local. Mentres o primeiro dos módulos aposta por pratos máis tradicionais do acervo culinario galego, de culler ou non, como polbo á mugardesa ou potaxe de vixilia, o módulo central escolle propostas máis creativas que proceden do acervo e da experiencia previa dos cociñeiros. O terceiro módulo, aínda baleiro, significará as creacións que vaian xurdindo a partir desta síntese de tres cociñas e un local moi especial ao longo destes anos que veñen. De feito, o local aínda non está inaugurado oficialmente (será en maio) pero nos tres días que leva o éxito xa é notable.





Sobre esa gastronomía, dicir que nos gustou moito. Unha primeira impresión (con só catro platos consumidos) é a da satisfacción por estar en mans de cociñeiros con oficio que saben manexarse estupendamente na cociña tradicional, adaptándoa a un contexto actual, na que as comidas deben ser nutritivas, saborosas, pero tamén lixeiras. Os ourizos, servidos ben frescos; o potaxe de vixilia e o polbo á mugardesa, pratos alixeirados, cos puntos de cocción determinados de forma meticulosa, con caldos limpos e lixeiros -aí é a principal diferencia coas elaboracións máis tradicionais- de sabores concentrados, persistentes, e que dan gañas de baleirar as peroliñas. De postre, un biscoito de cenouras excelente, ou -a miña recomendación- proben o postre de mazá asada e xeado de canela.
A Horta d’Obradoiro é aire fresco para unha hostelería compostelá que non estaba a pasar polo seu mellor momento: un concepto que se complementa á perfección con Casa Marcelo, xusto enfronte -unha cociña totalmente distinta- e que configura un auténtico polo gastronómico na zona de Hortas, se pensamos que moi preto está un dos mellores restaurantes de cociña tradicional, o Don Quijote, e o restaurante máis ilustrado da cidade, o Pedro Roca. Catro conceptos distintos e os catro dunha elevada calidade e diferente rango de prezos. Un respiro feliz para unha Compostela que está bastante despistada!
A carta de viños aínda está bastante discreta. A idea do local é manter unhas trinta referencias moi cambiantes, un pouco no concepto de sumillería actual de non acumular stocks de viño que non se poidan defender.
Prezo medio duns 20 euros, 25 con viño. E un plus: Carta e servizo en galego.
Fotos: Sole Felloza

Sabes o telefono para poder reservar? Grazas.
Aínda non tiñan fixo. :-)
Marabilloso. Haberálle que dar unha boa visita neste vrao.
Graciñas por dar a coñecelo :)
Eu tiven a sorte de poder desfrutar da súa cociña e dos seus cociñeiros hai unha semana e a verdade é que é un luxo, tanto pola oferta gastronómica, como polos espacios que teñen e os profesionais que o forman. Agardo que teñan moita sorte e que lles vaia moi ben.