Estes días pasados presentouse no mosteiro de Samos o libro “Gastronomía Conventual en Galicia”, coordinado por Miguel Vila, e coa participación do historiador Xavier Castro e as fotografías de Sole Felloza. O libro foi editado pola Axencia de Turismo de Galicia e é unha ollada á gastronomía que se realiza nos diferentes mosteiros galegos que aínda manteñen unha comunidade.


Esta é unha historia interesante porque non é a historia ancestral que un suporía. A Desamortización supuxo unha importantísima creba cultural na tradición dos mosteiros galegos, e as comunidades que viven na maior parte deles son comunidades que construíron a súa tradición gastronómica ex novo nas últimas décadas, a excepción de determinados mosteiros nas que se conservan ou se pretenden recuperar tradicións antigas. Estamos falando da xenebra PAX do mosteiro de Samos, que se producía a principios de século e que se fabricou ata o famoso incendio da destilería do mosteiro. Agora os monxes queren poñela en valor. Pero falta moito aínda para que exista unha historia da gastronomía nos mosteiros do país.



Se cadra un dos poucos exemplos onde podemos explorar a riqueza gastronómica tradicional dos conventos galegos sexa no mosteiro das Bernardas de Pantón, auténtico refuxio ancestral da repostería, xa que non foi Desamortizado. Alí as monxas manteñen aínda numerosas tradicións e un receitario que emocionan cando chas contan. Receitas vinculadas á felicidade dos grandes días das casas pacegas, pero tamén labregas, da comarca. Doces deliciosos que preservan formas románicas, que saían bendecidos en cada amasada, cheos de rezos e oracións, cando había casamentos, bautizos e comuñóns.
Esta historia da gastronomía monacal vese hoxendía polos mosteiros como unha das escasas vías de obteren ingresos, aproveitando que a “gastronomía monacal” é unha marca en si mesmo que se exerce case de forma global, e con receitarios similares. Pero os monxes tamén saben poñer en valor o seu propio contexto. É o caso da comunidade de Sobrado dos Monxes, que ten unha numerosa cabana de vacas. Sabedores do cachondeo irrisorio que son os prezos do leite en Galicia, decatáronse de que o beneficio estaba precisamente na transformación desa materia prima que eles producen. Así que decidiron crear un “doce de leite” que abastecese á crecente comunidade arxentina que a finais do 2000 estaba en Galicia. O doce de leite chámase “Mano de santo”. Se é que son uns cachondos!

Ai pois o doce de leite non o probei, pero as marmeladas que merquei cando estiven alí no de Sobrado (vaiche boa jaja) non me duraron ren. Cando penso en Sobrado dos Monxes xunto co mosteiro o primeiro que se me ven á mente son as marmeladas :D