Mr. Turner é unha gran produción cinematográfica británica ao redor dun dos grandes pintores ingleses de todos os tempos: William Turner. Son un declarado admirador da pintura de Turner desde hai moitísimos anos: da súa turbulenta visión dos amenceres e atardeceres, pero tamén da plasticidade abrupta, misteriosa, dos seus mares e mariñas. Cando tes pintores de referencia supoño que, en parte, é porque compartes a súa visión aínda que ti non sexas quen de representalas. Pero hai unha ollada similar que crea a empatía.
O filme, dirixido por Mike Leigh e interpretado brillantemente por Timothy Spall, capaz de outorgar clasicismo actoral a unha figura excéntrica, difícil, “unha gárgola”, como se define Turner a si mesmo no filme. A interpretación é tan veraz que Spall é quen de crear certa naturalidade nunha figura que noutro actor sería cómica sen excusas. Unha sorte de ogro co que non é desde logo nada doado empatizar. Cada vez menos gústame ese recurso de biopic de aproximarnos á figura biográfica, convivir nos seus primeiros momentos de ascensión, sepultarse con el en abismos de drogas e alcol para despois redimirnos conxuntamente cando se vai achegando a final da metraxe. Con Turner non se pode empatizar, máis alá do seu asombro innato de xenio ante as marabillas naturais que o mundo ofrece. As súas relacións contraditorias con personaxes que lle aman ou sobre os que debera exercer algunha responsabilidade fannos sentir a incomodidade. O señor Turner non é empático. Pero non podes abandonar a película, nin deixar de ver a interpretación, nin agardar ao seguinte. O director non quere que sexamos cómplices. Quere que sexamos espectadores.

Pero tampouco o precisa. O filme é tan bo que nos pode facer acompañar a un home de difícil carácter, certo egoísmo e crueldade sen necesidade de collelo da man; asumir a súa diferencia, a súa capacidade creativa, e compadecer a aqueles que vai deixando polo camiño.
A película, ademáis, é un auténtico luxo pictórico, e aquí o sobresaínte é para Leigh e o seu director de fotografía. Cada un dos planos está coidado ata o último detalle e a luz, e o seu volume, é unha parte indistinguible da metraxe. Das mellores películas que teño visto nos ultimos tempos.

Me encantan esos cuadros! parte de mi infancia, creo que todo el mundo tuvo algun cuadro de esos en su casa
pero la pelicula no está en el cine.Habrá que descargarla en hd