Pintia é un interesante e pouco popularizado sitio arqueolóxico, preto de Padilla de Duero e moi inmediato a Peñafiel. Trátase dunha cidade vaccea, un dos pobos celtíberos da Idade do Ferro, que posteriormente tivo ocupación romana e mesmo visigótica. En total son unhas 125 hectáreas dun poboado que tivo o seu cénit no século IV a.C. e que hai que mirar de xeito ben distinto, por exemplo, a un castro na súa configuración. A cidade, que contaba cunha sólida muralla, está mudada nunhas grandes eiras. Como sempre acontece por estas partes da Península, dáse un fenómeno que aos afeccionados galegos nos resulta ben chamativo: todas as eiras labradas están cheas de cerámica á que aquí lle dariamos moito valor: anacos de ánforas, sigillatas, cerámicas estampilladas…as culturas materiais que perviviron noutras partes da península son moito máis diversas que as da Idade do Ferro galega.
Pintia está conformada por un hábitat -Las Quintanas- pero despois tamén por dous ou tres enigmáticos espazos sobre os que se ten traballando de forma disimilar e que valerían para unha clase de microtoponimia e arqueoloxía. Saíndo da “cidade” (insisto, hoxe unhas leiras que só conservan baixo a terra unhas poucas fiadas de muralla), están unhas fincas chamadas Los Cenizales, e máis alá, outras chamadas Las Ruedas. En Las Ruedas está a necrópole do poboado, con miles de enterramentos por cremación, e debe posiblemente ao seu nome a que aquí foron localizadas estelas discoideas. A hipótese do equipo escavador conecta a necrópole das Ruedas con Los Cenizales, que fican nunha posición intermedia entre o cemiterio e a cidade. Este lugar hoxe é sobrecolledor. Efectivamente, segue habendo moitísima cinza vella diseminada nestas leiras. Como digo, a hipótese é que este lugar era o crematorio dos mortos, onde estes eran reducidos a cinzas ata seren gardados en potas e levados ás Ruedas. Pon os pelos de punta descubrir aínda toda esa grisallada na leira despois de miles de anos de laboreo.


A necrópole só está escavada moi parcialmente, pero dá moito que pensar. Cada morto estaba sinalado por unha pequena estela informe, sen inscrición moitas delas ata época romana. Algunhas máis relevantes, podían ter, como dicía, unha estela. Baixo a pedra de sinalización localízase algo moi importante: unha pequena foxa, e dentro dela, o cacharro coas cinzas do defunto -nas que sobreviven sempre varios osos que lles permiten aos científicos datar o sexo e idade do morto- e un enxoval que varía en función das persoas, pero nas que moitas veces se atopan armas, fíbulas, bens de luxo…obxectos queridos que acompañan ao morto no alén.

Na recuperación da necrópole de Las Ruedas déronse varios procesos interesantes que me fixeron cavilar e dar moitas voltas ao lugar. No lugar de localización de determinadas tumbas sen estelas, estas foron substituídas por cipreses. Un poeta local escribiu un poema baseándose na documentación científica da tumba; poemas que aluden á mocidade do morto, ao seu xénero, a algún obxecto que pertencía. Son poemas moi memento mori, claro, pero non deixa de ser unha invención de memorias e unha invención dos mesmos mortos. Pero o máis fascinante é que, nun estremo da necrópole comezáronse a depositar unha sorte de placas modernas cos nomes de mortos contemporáneos. Descoñezo se están depositadas as súas cinzas baixo estas plaquiñas, pero si os seus nomes e a súa memoria, prolongándose naquel cemiterio tras case dous mil anos de interrupción do seu uso.

A impresión, claro, é a de pasear por un pacífico e calmo cemiterio, co repouso e acougo que sempre ofrecen os camposantos. Cal é a forma de ver isto: como un espazo museográfico ou como un lugar de memoria e respecto? Ou como as dúas cousas ao mesmo tempo? Baixo os nosos pés descansan mortos que, na perspectiva e mentalidade de hoxe, agochan importante información científica. Así que o simbólico, o sagrado e o científico conflúen neste lugar. A partir de que momento os homes deixamos de ser humanos e pasamos a ser unicamente contedores de datos científicos? Na miña mentalidade atea, creo que ese momento comeza a producirse desde o mesmo momento de morrer, pero un paseo por este cemiterio de hai dous mil anos, un humilde cemiterio da Idade do Ferro, tamén permite comprobar que a dignidade humana vai alén dos séculos, que é un diálogo construído con poesías e coa vontade de querer repousar nas proximidades daqueles que son considerados devanceiros, aínda que neste val do Douro, entre os vacceos e nós, teñan pasados ducias de culturas, xentes, exércitos, repoboacións e xenéticas. Aquí vese moi ben como os avós son figuras necesarias.
Fotos: Sole Felloza

Precioso y poético post. Pasaré a visitar el cementerio.