O Pago de Carraovejas é sen dúbida o meu viño preferido da Ribera del Duero e un dos habituais para cando me gusta celebrar algo. Da visita aos seus viñedos e adega (que xa vos contarei) tróuxenme para casa tres botelliñas de Pago de Carraovejas Crianza 2012. Os adegueiros xa avisan na caixa: 2012 foi un ano especialmente duro para as cepas, debido a unha tremenda sequía que obrigou a pór en marcha sistemas de rego automático. As consecuencias son un Pago de Carraovejas distinto: é un viño pechado, complexo, de froita negra moi mesta, tánico, con certo grao de alcol que se desprende, e aparece a calor dentro dese viño, unha calor difícil de manexar.
O viño segue a ser unha marabilla, pero é difícil, non marida con todo. Deixei algo de viño para o día seguinte, porque xa me imaxinaba como podía solucionar, e velaí: ao día seguinte un pracenteiro sabor a froitos vermellos maduros estaba aí, e o viño tiña sabores complexos pero recoñecibles. Así que aconsello decantar esa anada 2012 nun recipiente axeitado alomenos dúas ou tres horas antes do servizo do viño. Si, tres horas antes, sen cortarse nin un pelo. Así respirará, entrará en contacto co osíxeno e pouco a pouco irá amosando timidamente esa froita e complexidade que ten este gran caldo.

Be First to Comment