
Este magnífico gráfico, difundido hoxe polas redes sociais e elaborado por winefolly.com (unha web espectacular para introducirse na cultura do viño) introdúcenos nos gustos básicos dos viños, a partir das súas elaboracións. Hai moitísima información condensada aí, pero para este post vainos interesar algo que levamos tempo avisando, e que como se observa no gráfico, cúmprese á perfección.
O que levamos tempo advertindo e avisando -voces no deserto, porque non son só eu- é que non se podía caer na trampa da exportación de variedades de uva. O mercado anglosaxón e americano tende a usar moito as variedades de uva como forma de segmentar e diversificar o mercado do viño, esquecendo as rexións e terroirs nos que este se elabora. Por suposto que lles interesa iso: se venden viño polo tipo de uva, van a poder abaratar moito os custes e terán moito onde escoller: cabernets de Arxentina, de Chile, de Francia, de España, da India, de Brasil, de onde queira, señora! Os franceses, sabiamente, resistiron esta presión: os seus viños son viños de terroir, de terra, de lugar con nome e apelidos, de denominación de orixe. Se mirades o gráfico, veredes que hai uvas francesas, pero tamén están os territorios, todos os diferentes de Burdeos, Borgoña, etc. O mesmo acontece con Italia. E mesmo hai algunhas denominacións clásicas como Rioxa ou Ribera del Duero. Pero, que acontece con Galicia? Tachán!! Galicia non existe! Hai dúas ou tres variedades galegas aí: Mencía, Torrontés, Albariño, pero sen facer mención ás súas zonas clásicas, aos territorios que lles outorgan o carácter e a personalidade. Nin unha das cinco!
Creo que isto resume moito do marketing exterior que se está a facer do viño galego. Aquí na prensa se nos vende con trompetas e fanfarrias o tema da exportación das adegas, pero a realidade é tan crúa como iso que se ve aí arriba: a invisibilidade a nivel da cultura popular do viño. Os expertos, por suposto, saben distinguir Rías Baixas e Ribeira Sacra e, se cadra, Ribeiro, pero as nosas marcas, as marcas territoriais, están fóra dos mercados. O día no que Chile, Arxentina, Australia ou calquera outra lugar comece a producir albariños e mencías baratos e de calidade habémonos acordar da allada e de quen a cociñou.

Esto faiseme coñecido, como sucede con outros productos non hai unha intención de apalancarse no concepto “Galicia”. Diagnosticar o porqué xa me parece algo moi complexo, pero como mínimo, e supoñendo que non son idiotas, haberá que pensar que cren que non lles é rentable a corto ou medio prazo.
Seguro que hai xente que non pensa así e está apostando pola marca do seu “terroir”, pero deben ser francotiradores.
Un bo tema de traballo para un grupo de investigación universitario, así polo menos teriamos datos e non só opinións para tratar esta cuestión.
Si, hai o caso contrario de “Estrella Galicia”. Os seus propietarios contan que cando se comezou a deseñar a estratexia de expansión externa da marca, hai poucos anos, os “expertos” lle recomendaban quitar a palabra Galicia da marca e eles negáronse. O tempo deulles a razón, penso eu.
Parece que non só pasa en Galicia:
http://elmundovino.elmundo.es/elmundovino/noticia.html?vi_seccion=12&vs_fecha=201412&vs_noticia=1419843200&intcmp=HEMSUPL
Estou de acordo en que é necesario buscar marcas máis globais para poder competir nos mercados internacionais, que é donde se pode crecer. A decisión da Xunta de convertir a Galicia Calidade en marca paraguas para todos os produtos certificados vai nese camiño. Pero parece que hai unha resistencia moi grande porque en Galicia seguimos a defender a nosa leira como mellor que a do veciño. Cando dices” viño de Monterrei”, fora pensan que é de México. E Rías Baixas, Ribiera Sacra ou Valdeorrras non son tan coñecidas como para que sexan valorados como un elemento diferenciador.