Os amigos Marcos Lorenzo e Gonzalo Rodríguez manteñen o blog Galiza Vaivén, en El Correo Gallego, sobre temas de cultura contemporánea. Desta volta, Gonzalo di unhas cantas verdades sobre o mito do emprendemento: as ideas desenvolvidas no garaxe casa, o lugar no que naceron Google ou Apple:
Como todo mito, este dos emprendedores de garaxe non está suxeito a contraste científico, senón que forma parte dun sistema de crenzas popularizado pola potencia comunicativa dos heroes. A través da narración vanse colocando os ideais subxacentes. O garaxe simboliza o espazo de liberdade, tanto creativa, como aquela da que desfrutan os homes libres, os que traballan para si mesmos. Pero sobre todo expresa a idea de que non se precisa máis que os propios soños para conseguir o éxito. Bonito, pero falso.
Os emprendedores, lonxe de actuar no baleiro e ser heroes solitarios son, sobre todo produtos territoriais e organizacionais. Queremos dicir, en primeiro lugar, que os emprendedores florecen alí onde se dan unha serie de precondicións colectivamente construídas: boas infraestruturas, universidades de calidade, empresas auxiliares e de apoio competitivas, man de obra cualificada, regulación axeitada, etc, etc. Trátase dun proceso sistémico no que o emprendemento é unha función das bondades do territorio para a competitividade das empresas. Por seguir cos casos anteriores, nin esas empresas naceron en lugares como México, España ou Afganistán, nin era probable que o fixeran. Sen universidades como Standford ou Berkeley, sen compras públicas que crearon o substrato industrial, sen investimentos en infraestruturas e todo o demais, na costa oeste tampouco tería pasado.
O cal non debera tampouco ser un narcotizante para eliminar as nosas posibilidades de emprendemento, que creo que as hai. Pero a responsabilidade de todos é construír ese clima para a innovación nas partes que nos tocan a cadaquén (sempre nos toca de algún xeito).

Supoño que antes de escribir esto, sendo o primeiro comentario e pensando no ámbito do emprendemento en Galicia, a frase “sen comentarios” que se visualiza é o mais axeitado que me ven a mente para reflectir a situacion galega. Onde Steve Jobs indica nas suas memorias que foi o ecosistema da inversion en tecnoloxia feita polo departamento de defensa en Palo Alto, que daba vida a innumerables pequenas empresas de enxeñeria, aqui temos a traslacion deformada nas entidades corruptas de AMTEGA e GAIN que se adican principalmente a laminar as pequenas empresas de emprendedores para que as poucas oportunidades posibles de evolucion se diluan na obscena politica de nepotismo e amaño das contratacions públicas de estos organismos ao servicio dun partido politico,que actuan de verdadeiras sucursales de catro multinacionais, mentras teñen o placer de agasallarnos a diario con noticias pagadas na prensa con cartos publicos dando conta da gran modernidade que hai na nosa terriña. Unha pena.