Primeiro día que paso polo Culturgal e é como insuflarse optimismo, por suposto. A Feira permite ver as fortalezas e as carencias da nosa cultura e do noso sector cultural, é como unha radiografía indispensable para calquera persoa interesada na cultura galega. É unha marabilla ver a toda esa xente percorrendo stands, interesándose por todo tipo de actividades e querendo participar. Pero o que hoxe me chamou a atención é a enorme presenza de nenos (obviamente acompañados dos seus pais). Mesmo nun país avellentado como Galicia os nenos seguen a ser a nosa esperanza, o noso futuro e segue haber moitos. A industria cultural para nenos é un baluarte, pero aínda necesita moito máis gas, porque hai quen está disposto a facelo consumir. Eu quérolle agradecer a todos estes pais que se achegan cos nenos ata unha feira da industria cultural, porque cren no futuro e o futuro está na nosa lingua e cultura.
Nos vindeiros meses tentarei sacar adiante cinco proxectos persoais de alento moi distinto, ademáis do mantemento deste blog, canda outros proxectos colectivos e en común e algunhas cousas marabillosas que están esperando, pacientemente, na recámara a que chegue o momento de que saian. Van ser meses de concentración, de ritmo pausado pero interesante no blog, porque hai moitas cousas que facer, moito que contar e moito que construír.

Be First to Comment