Redes sociais xeralistas: un curioso cambio de ciclo

O crecemento e a transformación das redes sociais é un proceso de ciclos que multiplican, momentaneamente, unha progresión uniforme máis lenta. Levámolo observando moitos anos: determinado tipo de redes sociais -non todas- gañan membros nos momentos de lecer que pasan a conformar parte da base de usuarios fidelizados: velaí que teñamos un punto álxido en Nadal, ou xusto despois; en Semana Santa, despois das vacacións de verán, etc. Pero os ciclos non só teñen que ver coa expansión ou co incremento de usuarios, senón tamén coa adquisición de destrezas ou de cambios de uso ao redor das posibilidades dunha rede social.

Do verán para aquí veño apreciando -atención, non teño datos cuantitativos, pero si unha apreciación subxectiva- un cambio de ciclo relativo aos usos de Facebook e Twitter que falan, ao meu ver, coa entrada nunha dilatada madurez para estas dúas redes sociais. Do verán para aquí, producíronse cambios que teñen que ver cun maior dominio das posibilidades de uso destas redes sociais xeralistas. Vexamos o que pasou en Twitter. Nesta rede, a partir do verán o número de RTs descendeu notablemente, mentres que o número de FAVs incrementábase -aínda que non na mesma proporción. Este fenómeno está plenamente consolidado nestes momentos. Digamos que moitos usuarios empregaban antes o RT para todo: como un xeito de expresar o interese por un tweet, e coma o xeito de comunicalo; compartir era a expresión desa satisfacción ou empatía co tweet orixinal. Do verán a esta parte, como digo, isto cambiou. Boa parte dos RTs foron substituídos polos FAVs, que comezan a ser usados case coma os Like de Facebook. Eses usuarios que retuiteaban como metralletas agora moderan a súa comunicación pública e o tipo de mensaxes que envían ao seus círculos persoais.

Facebook, pola contra, parece comportarse curiosamente ao contrario. Se ben o número de “Gústame” a contidos novos segue máis ou menos estable, ou medrando sostidamente, os contidos externos a Facebook son cada vez máis compartidos. Persoalmente apreciou moito isto na enorme capacidade de penetración local ou gremial que ten Facebook nestes momentos. Un caso moi típico en Capítulo Cero, por exemplo, era que os contidos gastronómicos obtiñan moitos menos “gústame”, por exemplo, que a información arqueolóxica ou de roteiros. Isto nos últimos meses cambiou, as visitas a estes contidos obteñen moita máis audiencia. Creo que ten que ver con que moitos usuarios poden estar facendo un proceso “sofisticado” que antes non facían: copiar a URL do web orixinal no seu formulario de posts de Facebook.

Ambos os dous usos: os FAVs de Twitter e o compartir desde fonte externa en Facebook son usos bastante sofisticados das prestacións dunha rede social, especialmente se pensamos en usuarios ocasionais ou en usuarios pouco familiarizados con novas tecnoloxías, pero revelan un interesante proceso de apropiación das redes sociais que vai avanzando gradualmente.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *