O filme documental Red Obsession está dirixido por David Roach e Warwick Ross. A sedutora voz de Russell Crowe introdúcenos nesta fascinante historia, que ten o seu principal acerto no enfoque, no problema que presenta xusto neste momento, na ameaza para o concepto tradicional de adega e do mundo do viño.
A presión do mercado chinés sobre os tintos de Burdeos, as súas consecuencias disparadas no sobrecuste de determinadas marcas de viño e a “expulsión” dese mercado doutros consumidores tradicionais. O documental narra as exorbitantes, e sen dúbida ningunha, disparatadas cifras que se pagan por caixas das marcas bordelesas máis reputadas e fai pensar nas diferencias aínda existentes entre o mercado do viño e outros. Aínda que as marcas son importantes, a excesiva confianza nunha marca, máis que nun territorio, do consumidor chinés -que está desorientado no labirinto de denominacións e diferencias do bordelés- provoca estas oscilacións que colapsan e condicionan añadas enteiras. O viño funciona nestes momentos como un valor de cambio e investimento, e é empregado en China como un marcador de status para unha emerxente clase de novos millonarios que buscan na bebida elementos de status igual que o fan na roupa ou nos coches.
Neste sentido, o documental está narrado de xeito trepidante, especialmente na súa primeira parte, voando entre Burdeos e China, entre propietarios, críticos e coleccionistas. Axuda a comprender un sinsentido do capitalismo, pero tamén o modo no que as marcas centenarias de Burdeos abordan este proceso, que non deixa de ser tamén unha forte presión, perigosa, sobre as súas centenarias marcas premier cru. Isto é do máis interesante, a súa actitude pilatística. Elas están aí para gañar diñeiro, e a especulación asociada ás botellas de Chateaux Latour é algo que non vai con eles. En certo xeito, aínda que non de maneira tan acusada, xa viron isto previamente co consumidor millonario americano ou árabe. Saben que rematará e que, se xestionen ben, cando os chineses normalicen a súa relación co viño, eles continuarán, máis ricos que antes. Os adegueiros franceses, por suposto, bótanlle a culpa a elementos alleos a eles, pero iso só é parcialmente certo. Eles, coma os adegueiros italianos, españois ou galegos, teñen axentes en China tentando colocar o seu produto. E tamén son os primeiros en banalizalo ao convertelo en parte da cadea de valor falsaria da diferencia de clases. Un tipo como Jean Luc Thunevin, por exemplo, un dos precursores dos viños de garaxe e que se aproveita desa fama “independente” de “bad boy”, non dubida en facer este anuncio infame para vender os seus viños en China.
Ao igual que Mondovino, pero moito mellor realizada a nivel audiovisual que esta, Red Obsession peca de metraxe. A historia xa se contou perfectamente en 60 minutos, pero o documental segue ata os 75 minutos, prolongándose coma un polo sen cabeza. Mesmo se fai difícil para un amante do viño, pero cumpre a súa función: ver un mundo do viño formado, en realidade, por moitos mundos distintos, e saber que todo país que prospera busca no viño un referente.

O do anuncio de Bad Boy podería ser o Pequeno Nicolas chinés :D
Certo, pero co que enganan facialmente os chineses, este home ao mellor xa anda preto dos 40. ;-)