Unha viaxe á Galicia da Guerra Civil e o Tempo da Fame

Estes días subiuse á web outro auténtico tesouro imprescindible para coñecer Galicia. Resulta que houbo un voo da United States Aerial Force previo ao ano 56. Foi realizado no ano 1946 e acaba de ser publicado na Fototeca Dixital do Instituto Xeográfico Nacional. Aínda que a calidade é algo peor que a do voo do ano 1956, explorar Galicia a través desta ferramenta é absolutamente emocionante. É unha auténtica viaxe no tempo á Galicia da Guerra Civil, toda vez que a profunda depresión económica dos anos 40, o que os avós coñecían coma o Tempo da Fame, limitou a transformación do territorio. Efectivamente, só nos dez anos que transcorren entre o voo do 46 e o voo do 56 veredes unha gran transformación do territorio, vinculado seguramente á recuperación económica que se inicia nos 50 e aos cambios e dinamización da industria forestal. Este voo lévanos ás parcelas, as aldeas, a conformación de camiños sobre ao monte e a unha importantísima visión dos recintos arqueolóxicos.

É incrible como se transformaron tanto en dez anos. Só vos poño un exempliño do que nos amosa esta poderosa máquina do tempo. Na foto vedes o castro de Mallou. Mirade como se aprecia unha poderosa entrada desde a base do outeiro ata as portas monumentais do castro. A foto está posiblemente sacada unha ou dúas horas despois da mediodía e a profundidade das sombras revélanos, se cadra, unha congostra profunda para acceder en diagonal que parte da base de outeiro. E os máis finos poderán mesmo ver as edificacións, aínda en pé, dalgunhas vivendas. Iso pódese ver aínda en máis castros, e lémbrame iso que temos recollido tantas veces: “de rapaz subía ao castro e xogabamos entre as casiñas redondas”. Casiñas redondas visibles despois de dous mil anos, que nos chimpamos a penas en tres ou catro décadas. En fin. Probade a explorar a Fototeca, a metervos no ano 46, recén finalizada a II Guerra Mundial. Feliz viaxe no tempo!

2 Comments

  1. Xoán Castro
    30 / Outubro/ 2014

    Iso mesmo é o que conta miña nai respecto do Castro do Logoso. Como os nenos subían ata o castelo e tapaban “as casiñas” para refuxiarse da choiva.
    [Nota turbia: tamén conta como os nenos xogaban a desfacer as casas e botar as pedras abaixo… ¬¬ ]

    E falamos de mediados-comezos dos anos 60 como moito.

  2. pablo
    30 / Outubro/ 2014

    Habría que irse más atrás en la máquina del tiempo. El servicio militar de aerostación se fundó en 1884 y su funcion principal era sacar fotos aéreas con globos aerostaticos ó dirigibles. Fácilmente podrían encontrarse fotos aereas de Galicia del siglo XiX en archivos militares.

    en la guerra civil tb se sacaron muchas tb. http://bibliotecadecaminos.blogspot.com.es/2013/01/fotografias-aereas-de-la-revolucion-de.html

    y más atrás., habría que investigar donde se hicieron volar aerostatos en el siglo XiX en galicia, porque fijo que se sacaron fotos desde ellos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *