Moi divertido, pero case diría traxicómico, este filme satírico italiano de Sydney Sibilia. Un grupo de brillantes profesores e investigadores universitarios son botados da Universidade tralos recortes de investigación vividos en Italia en 2007, ao inicio da crise económica. Aproveitando os furados legais da lista de drogas en Italia, un deles decide montar unha banda para crear unha nova droga alegal (non ilegal) e saír así da miseria na que están metidos todos: desde eminentes latinistas e antropólogos, ata economistas, arqueólogos e químicos. Si, é unha homenaxe confesa -así o din no filme- a Breaking Bad, pero engadíndolle o sentido do desastre e da picaresca do sur de Europa. Perfectamente podería ter sido feita coa situación lamentable da Universidade galega ou española, e da sociedade en xeral, que penaliza de xeito indirecto as carreiras de coñecemento. Traxicomedia, digo, con momentos inconmensurables como o atraco á farmacia con baionetas e pistolas da época napoleónica, na mellor liña do humor italiano que retrata unha sociedade podre, amoral, estruturalmenten corrupta. Smetto quando voglio (Déixoo cando quero) é destes filmes que provocan un riso incómodo, como un latigazo interior: coñecemos demasiado esas situacións para que a nosa risa sexa franca ou inocente. É un riso triste. Por iso paga a pena vela.

Be First to Comment