iPhone 6 Plus? Máis ben Mini iPad Mini

Foto: Tim Cook, CEO de Apple, presentando os novos modelos

Levo dous días cun iPhone 6 Plus de Apple. Como sabedes, é o modelo “grande” do novo lanzamento que fixo a compañía da mazá. Decidín optar por este modelo por dous motivos: o primeiro é que, aínda que eu recibo moitas chamadas, o meu principal uso do teléfono adoita ser máis como asistente persoal (axenda, mapas, documentación, comunicación electrónica), así que me parecía interesante un teléfono que me dese unha maior comodidade de lectura. O segundo é o gran problema dos smartphones, estas baterías tan limitadísimas, que no meu caso do anterior iPhone 5 non me daban chegado ao día e me facían vivir situacións incómodas se tiña chamadas importantes ou necesidades de consulta da información a partir das sete e media ou oito da noite.

Tras dous días de uso do iPhone 6 Plus creo que xa podo facer algunhas valoracións. O primeiro, confirmar por enésima vez como a Internet se volve histérica para ben e para mal cada vez que se lanza un novo produto de Apple, e a cantidade de paridas que poden circular impunemente pola rede. Nin bendgate (a tontería esa de doblar o teléfono) nin problemas relevantes co iOS8 (que ademáis, Apple tarda horas en solucionar como moito) nin outras chorradas. O teléfono funciona perfectamente e un desastre coma min pode levalo no pantalón e tranquilos, que non dobla. Agora ben, se queredes poñervos de pé sobre o seu borde e facer dúas piruetas, machacalo nun iunque con dúas mazas de troll e agardar que non casque a pantalla ou tiralo a unha trituradora de lixo e agardar que saia impune, o problema sabedes que o tedes vós, máis que o iPhone.

Con respecto á batería, é certo: dura moito máis (tarda máis en cargar, claro) e convirte o teléfono nun elemento moi cómodo. E con respecto ás dimensións, pois aí é onde a decisión é máis subxectiva e persoal. Efectivamente, se o que buscas é un teléfono móbil, eu recomendaríate a versión inferior, o iPhone 6. Se o que buscas é un asistente para o teu traballo, se cadra o iPhone 6 Plus sexa unha mellor decisión. E atención á xente que lle gusta ler: lese estupendamente ben nesta máquina. É como levar un libriño no peto, que agora si podes ler comodamente alí onde esteas. A experiencia de usuario distánciase do móbil para entrar noutra categoría de produto. Por iso, a sensación que me deu o teléfono no seu conxunto (un teclado máis grande e cómodo) é que en realidade Apple, no iPhone 6 Plus, estanos a vender un Mini iPad Mini.

E aquí vén o asunto curioso: dun tempo a esta parte a política de unificación dos produtos de Apple fai que teñan a sensación de que en realidade, o que estou a adquirir son pantallas, máis que hardware. É dicir, adquiro un tamaño para unha experiencia que é case común en todas as súas máquinas. Non acabo de ter en conta que iso, para o consumidor, sexa bo a medio prazo. A ralentización de vendas de iPad, por exemplo, pode ter moitas causas, pero unha delas sen dúbida é o feito de que é unha máquina tan boa que non ten sentido cambiar por outra da compañía ata que o ciclo tecnolóxico literalmente a desborde. Esta sensación de mercar pantallas de tamaños distintos, máis que ordenadores distintos, é complicada e controvertida. Non teño un criterio final sobre ela.

8 Comments

  1. 4 / Outubro/ 2014

    Por se non o sabes, para cargar o iPhone 6 Plus deberías empregar o cargador do iPad, e verás como vai máis rápido (pasar de 1 a 2,1 amperes é un salto moi grande). Non se sabe por que Apple non incluíu o cargador rápido cos seus novos smartphones, pero resulta agradable ver que, ao incrementar a capacidade da batería é posible tirar de cargadores de máis potencia para acelerar a carga.

    E sobre valorar o iPhone 6 Plus como se fose un iPad nano (como o definen moitos) coido que haberá que agardar bastantes meses, pois cómpre que as aplicacións se adapten aos novos tamaños de pantalla e, especialmente, ao novo modo apaisado. Se as aplicacións de teléfono se adaptan aos novos dispositivos e comezan a comportarse como se estivesen nun iPad mini o cambio será brutal, ofrecendo posibilidades que moitos agora non poden nin imaxinar. Vaia, que a pelota está no tellado dos desenvolvedores.

  2. 4 / Outubro/ 2014

    Grazas pola recomendación da carga, Marcus. Estívenlle dando bastante marcha da miña agora pola tarde e é un canón. Tanto no consumo de batería -moi reducido- como na velocidade das aplicacións e na calidade do multimedia, etc. Vaia, por agora recomendadísimo para quen busque un asistente persoal, un Mini iPad Mini ou un iPad Nano. Veremos, por certo, que é o que saca Apple agora en poucos días. ;-)

  3. 4 / Outubro/ 2014

    Suponse que sacan un iPad con Touch ID, NFC e as cores do iPhone 6, pois hai rumores de que o modelo de 12,9″ (o que veño pendindo dende o primeiro iPad, pois sería ideal para ler banda deseñada) podería adiarse ao ano que vén.
    Tamén é de agardar que saquen novos iMac con pantalla Retina, e iso si será unha auténtica pasada para moitos profesionais do vídeo e o deseño gráfico (o Mac Pro non está ao alcance de case ningún peto).
    Vaia, que moitos han de estar xa aforrando para mercar os novos trebellos, e van quedar sen cartos para pillar o Apple Watch. XD

  4. 7 / Outubro/ 2014

    Oye, entonces bien? Estoy a punto de uno de 64G con Vodafones, permanencia y tal. ¿Merece la pena?

    P.D: quiero un blog así quiero un blog así quiero un blog así quiero un blog así quiero un blog así quiero un blog así quiero un blog así quiero un blog así quiero un blog así quiero un blog así quiero un blog así quiero un blog así quiero un blog así
    (Aplauso. Me gusta a rabiar la imagen nueva)

  5. 7 / Outubro/ 2014

    Mira, ni lo dudes. Va como un tiro. Para que te hagas una idea, ayer, usándolo (normal, no friki) todo el día, a las ocho y media de la tarde había gastado un 25% de batería. Impresionante. Rápido. Fácil de leer. Lo único que me arrepiento es con respecto a algo que tú preguntas. Cogí el de 16 Gbs y me van a quedar escasísimos. Debería haberlo cogido de 32 o de 64..

  6. 7 / Outubro/ 2014

    Un iPhone 6 Plus de 16 Gb?!?!?! Eu de ti corría a cambialo. Resulta que é case o único do que hai stock porque hai moita xente devolvéndoo, xa que ao pouco decántase de que non lles chega o espazo polo que ocupa o iOS 8… e o que ocupan os vídeos!
    Creo que a xente que picou foi simplemente porque parecíalles que 64 Gb era demasiado, pero Apple eliminou a capacidade de 32 Gb por algo (forzar a que a xente fose directa ao segundo chanzo dos seus smartphones, ingresando 100 euros máis con pouco esforzo).

  7. 7 / Outubro/ 2014

    Terei que economizar en apps. ;-)

  8. Elpingue
    7 / Outubro/ 2014

    Gracias rey!!! Creo que voy a jubilar el iphone 4. Ladrillo bueno. ;)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *