Unha fenda no viño galego?


Foto: Compostela Gastronómica

Onte polo serán houbo unha interesante mesa redonda no Festival Compostela Gastronómica titulada “Os visionarios do viño galego”. Participaron nela destacados viticultores acreditados nos últimos anos pola calidade dos seus viños. Dominique Roujou, Eulogio Pomares (Zárate, Rías Baixas), Fernando Algueira (Algueira, Ribeira Sacra), Bernardo Estévez (Issué, Ribeiro) e Xurxo Alba (Albamar, Rías Baixas), moderados pola sumiller Eva Pizarro. Os viticultores falaron, entre outras cousas, da súa relación coas denominacións de orixe como institucións. A tendencia xeral foi acusar ás denominacións de inmobilismo, de botar viños para atrás porque eses viños non se axustaban á “tipicidade” das uvas da zona. Pero todos os presentes na mesa dubidaban sobre “que era iso da tipicidade” e en que medida as Denominacións de Orixe poden establecer os límites do que é “típico” e o que non. Para eles, estas restricións, máis subxectivas que obxectivas, limitaba a capacidade de innovación ao redor das variedades. Pomares, de Zárate, aludiu a un viño seu que Rías Baixas botou para atrás por que non se axustaba aos estándares e que hoxe se vende en restaurantes de Washington a 100 dólares botella. Algueira referiuse a como lle botaron para atrás a primeira elaboración que fixo de Merenzao porque era un “tinto sen cor” (a baixa intensidade da cor é unha das características propias da uva merenzao).

A xulgar polo que alí se falou, estamos nun momento importante e delicado. Historicamente, as DOs foron moi importantes no mercado do viño galego como xeito de acreditar unhas mínimas garantías na elaboración, tratamento e limpeza dos viños que se ían comercializar, pero nestes momentos, o mundo do viño cambiou, os estándares mínimos de limpeza e calidade xa están máis ou menos claros e se está comezando a entrar noutra fase: hai viticultores que están tentando ir máis alá, moitas veces querendo desandar o camiño e volvendo a elaborar directamente en madeira, etc. Ao seren tan pouco flexibles cos criterios de “tipicidade” ou de elaboración, están as DOs están a limitar as posibilidades, a creatividade e a exploración dos seus viticultores máis pioneiros? Coincide, ademáis, que eses pioneiros son ademáis moitas veces os máis prestixiados dos viticultores dunha rexión, e son eles os que se atopan incómodos e non se remexen dentro dnha camisa que, ao mellor, venlles xa un pouco pequena.

Podemos chegar a un momento perigoso no que os viños con denominación signifiquen “viños estándar”, de liñal de supermercado, e os viños galegos sen etiqueta de DO, de prestixiosas firmas, signifiquen singularidade e excelencia? Están a ser as DOs moi conservadoras, protexendo os intereses dos grandes adegueiros, máis conservadores e homologables nas súas elaboracións? Hai inercias e rutinas instaladas nas DOs? Algueira resumiuno a opinión dos viticultores cunha frase: “Son funcionarios. Queren que a vendima acabe rápido”, en alusión á falta de comprensión de que cada variedade autóctona ten un momento óptimo distinto para ser colleitada e iso alonga moito o periodo de vendima (no que se estreman os controis das DOs sobre o produto).

O asunto non é desde logo menor e onte ese foi o debate, vivísimo, que estaba sobre a mesa.

8 Comments

  1. 23 / Setembro/ 2014

    As D.O cumpren unha función indispensable o meu saber, mais si queremos tipicidade, si queremos diferenciación non hay outra que experimentar coas castes galegas e tratar de comprobar todo o seo potencial. Ahí en onde se precisa axilidade para impulsar renovacións nos estatutos que permitan os colleiteiros moverse en pro dos seus intereses que sin duda acabarán sendo os da D.O. De outro xeito acabarán voando sós.

  2. José Crusat González
    23 / Setembro/ 2014

    Hola:
    A miña opinión é escapar das DO. O que hai que ter e unha IXP de Viños da Terra de Galicia que garantice unha calidade mínima pero que deixen liberdades para desarrollar e facer. Marcar unhas normas de variedades, rendimientos (por favor controlados), territorio e parámetros de análise (sulfitos, acidez…)
    A tipicidad iguala os viños pero precisamente por baixo. ¿Pode un albariño ter un color dourado? Esta claro que si a pesar do que diga certa DO. ¿Pódese elaborar una mencia sin filtrados e cunha capa máis baixa? Claro que si a pesar do que diga outra DO. É por riba sonche excelentes.
    Saúde e bo viño a todos.

  3. 23 / Setembro/ 2014

    As D.O, deben amparar, protexer, controlar, asociar e espallar os seus viños. Non ten que ser contradictorio con deixar faer. ¿Quen controlará senon os parámetros..? Alguén terá que faelo. Pídolle que sumen e non resten. Un pódese chamar Iñaki, chamar a porta e que non abra ninguén. Si é da familia Borbón, un poñer, entón sí se abren as portas…

  4. José Crusat González
    23 / Setembro/ 2014

    O problema é precisamente ese, que as DO’S son as que están poñendo trabas. Si te sales dos parámetros da “tipicidade” quedas fora da DO. Pois para iso mellor marchar e punto.
    ¿Quen podería ser quen controle? pois a Xunta coma fai cas IXP’s que existen en Galicia. En Castela León e máis en Cataluña fanno asi.

  5. Jorge Guitián
    23 / Setembro/ 2014

    Lamentablemente, esa que apuntas parece ser a tendencia. Non hay máis que ver o que se está a facer no mundo dos queixos, dentro e fóra de Galicia, e darse conta de que moito do máis interesante está a facerse á marxe das D.O., precisamente por ese carácter estandarizante. E quen dí viños podería dicir embutidos artesanais (as cousas que está a facer Joselito, por exemplo, sobre receitario italiano adaptado a produto de Guijuelo), viños en Cádiz(o mundo do Marco de Jerez daría para outra de historias para non durmir), aceite ou, de volta a Galicia, conservas. Igual hai que repensar as D.O.

  6. 23 / Setembro/ 2014

    Estaría ben saber que pensan as DOs de todo isto!

    Está claro que sempre vai haber tensións entre o controlado/controlador, pero a cuestión aquí é que, efectivamente, os que protestan, non son calquera. Son viticultores aos que lles vai ben e que se sinten un pouco atrapados.

    Eu creo realmente que este é un momento estupendo para redefinir os conceptos de viño en Galicia. Éo porque o propio mercado do viño está cambiando e porque hai que afrontar un mercado que é moi distinto. Se nos fixamos, eu apostaría que só hai dúas DO’s cunha marca consolidada: Ribeiro e Rías Baixas. Ribeira Sacra está a medias e Valdeorras e Monterrei están nunha situación difícil, case de parálise, tanto de identidade de mercado como no dinamismo xeral das denominacións. Creo que moitas están, ademáis, moi politizadas, e iso o que fai é enquistar e frear a innovación real. O viño galego ten un gran futuro, pero para iso hai que crealo.

  7. jose manuel
    24 / Setembro/ 2014

    P a ra todos istes inventores a porta esta aberta.as denominacios son territorio comun con caracteristicas comuns .non con viños comuns .y un espacio donde cada un fai as suas cousas dentro dun orden.o que non lle valia o traxe pode irse.pretender que unhos pouquiños marquen o futuro dunhos moitos pareceme pouco serio.eu en to caso sintome participe da maioria (comun)

  8. 24 / Setembro/ 2014

    Que pensan as DO…. ni se enteran nin se queren enterar… manexadas polos grandes productores que so miran para un tipo de mercado…. botellas e mais botellas… pobre do técnico que escape do redil

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *