Os viños do Porto teñen eclipsado, a nivel popular, a magnífica factura que teñen os viños do Douro portugués, tanto os brancos (que están a emerxer) coma os excepcionais tintos. Estes viños son serios, nobles e tremendamente solventes. Cunha estrutura tánica ben pechada, que sorprende (ou a min sempre me abraia) cando o sirves en copa, tras o primeiro paladeo aparecen poderosas notas de monte baixo, de froitas negras e maduras. Viños lonxevos, de gran capacidade de envellecemento, pero cunha intensidade de sabores que fan tanto disfrutar aos entendidos que tentan descifralos coma os néofitos que disfrutan con esa explosión dos sentidos.
O único problema que teñen os viños tintos do Douro é que están certamente subidos á parra dos prezos, coma os do Douro español. Afortunadamente, os tempos van colocando os prezos no seu sitio e comézanse a descubrir tesouros coma este Tons de Duorum 2012, da adega Duorum de Vila Nova de Foz Coa. Este é un viño encorpado, como describirían os portugueses, de taninos contundentes pero que abraia pola súa floralidade, pola súa froita nova e un padal moito máis ledo e sobre todo, fresco, do agardable. A botella sae a 6,5 euros e é unha magnífica relación calidade-prezo, poucas se atopan así.
En Santiago de Compostela eu atopeino na tenda Almirez.

Be First to Comment