Convócase o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural (USC)

Vén de convocarse a I Edición do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, pola Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dun curso destinado a profesionais e alumnos cunha proposta formativa certamente moderna e interesante. Teño a honra de formar parte do equipo docente (pero moi pouquiñas horas, creo que unha sesión). Se estades interesados/as, velaquí está o web e aquí está a súa filosofía e obxectivos:

Buscamos formar profesionais da nova acción cultural. Neste sentido, o Curso incorpora unha notable carga de innovación nos seus contidos, mostrando experiencias reveladoras e inspiradoras, ademais de pór o acento en dous dos piares da viabilidade futura das iniciativas culturais: as estratexias de financiamento e de comunicación.

Existe un consenso xeneralizado sobre a importancia da cultura no desenvolvemento das comunidades. A cultura é vía de medranza persoal, factor de cohesión social, soporte de identidade local e un activo económico de primeira orde. Así o recoñeceu a Unión Europea a través da Axenda de Lisboa e así consta no Libro Verde das Industrias Culturais e Creativas. En Galicia o sector cultural aporta arredor do 2% do PIB, con máis de 2.000 empresas, 17.000 postos de traballo e unha facturación global que ascende a 1.500 millóns de euros. Esta importante realidade socioeconómica require de profesionais cualificados que, con rigor e visión, saiban afrontar os retos do presente.

Os principais obxectivos que se perseguen son:

  • Dotar ao alumnado dos coñecementos e destrezas precisas para concibir e coordinar un proxecto cultural na súa integridade, garantindo a súa viabilidade económica e impacto social.
  • Facilitar a transición do sector cultural galego cara novos modelos sostibles, con maior énfase na captación de recursos, no uso das novas tecnoloxías, na cooperación con outros sectores económicos e na vinculación cos públicos finais.
  • Vincular ao alumnado con algúns dos profesionais máis destacados da xestión cultural galega e peninsular e coas principais institucións culturais da Comunidade.
  • Estimular a capacidade do alumnado para xerar proxectos innovadores que respondan ás necesidades de colectivos e territorios.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *