1932, de Pazo Vieite: terriña embotellada.

Un dos grandes problemas para o negocio do viño no Ribeiro é ao mesmo tempo a súa avantaxe, para min. É ben certo que a limitadísima estensión das parcelas do Ribeiro aniquila as producións masivas, que permiten unha exportación aos Estados Unidos -alomenos, unha exportación nas condicións nas que exporta Australia, Arxentina ou Chile-. Pero eu case me atrevería a dicir que menos mal. Porque esas microparcelas permiten a personalización estrema dos viños, o seu vínculo directo, concreto, milimétrico, con condicións de solo e de clima distintos. Eses viños de colleiteiro de 1000, 2000 ou 3000 botellas son unha auténtica beizón e un auténtico luxo. Estivemos o outro día en Ribadavia mercando viños novos: viños dunha calidade perfectamente equiparable á de moitas rexións francesas -defenderei isto en calquera foro- a prezos de risa.

Un exemplo é este 1932 de Pazo Vieite. Unha parcela dedicada á treixadura e seleccionada no século XVII polos monxes de San Clodio no seu priorato de Vieite. Unha auténtica xoia: unha expresión varietal impresionante, atemperada, final, elegante e equilibrada, con notas brancas refrescantes, unha untuosidade media e un paladar complexísimo no que o Ribeiro nos agasalla con días de sol e chuvia, con terras bicadas polo río. Só hai 1000 botellas desta xoia, da que eu probei a anada 2012. E sae en 9 euros. Non se pode perder!

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *