Setenta anos da edición do Sempre en Galiza: mira o vídeo

Este 4 de xullo cúmprense setenta anos da edición do Sempre en Galiza de Daniel A. Rodríguez Castelao, un libro senlleiro en moitos sentidos, como hoxe pola mañá subliñou Víctor F. Freixanes: de libro de memorias ou recompilación heteroxénea de discursos, artigos de prensa e reflexións en voz alta, a, por suposto, texto político. O máis soprendente é que este libro foi dado ao prelo por un home derrotado: cando o Sempre en Galiza se presentou en Bos Aires, Castelao era un home maduro que vira como todo polo que loitara caera derrubado polo fascismo e, sobre todo, a barbarie. E, malia iso, o texto de Castelao segue a ter a forza da verdade, unha forza que si, procede da Historia, pero que, sobre todo, actúa sobre todos aqueles problemas de Galicia que Castelao e a súa xeración viu e que seguen sen estar resoltos. Por iso o Sempre en Galiza segue a xenerar emocións cando o les.

No CCG estamos preparando unha serie de accións especiais para celebrar estes setenta anos, como unha app gratuíta para tablets e móbiles cunha edición aumentada do Sempre en Galiza, en colaboración coa Editorial Galaxia e outras accións que podes consultar no sitio web, e que circulan ao redor do hashtag #sempreengz. Entre elas, atópase este pequeno spot, que dirixín coa colaboración de Fuco Prado na realización e Pablo Varela na produción, no que queriamos representar a forza optimista que se desprende do magnífico libro de Castelao. Frases poderosas, que apelan ao ti: Castelao sabía que había que convencer un por un a cada galego, e que a tarefa era inxente. Quero agradecer a todas as persoas e amigos que se prestaron a participar neste vídeo a súa colaboración. Bótalle un ollo, e se te apetece compárteo para facer máis visible a obra de Castelao.

Son estes días tremendos, cheos de acción e actividades, e moitísimo traballo, como todos os veráns. Pero aquí sigo: máis calado no blog pero currando doce ou trece horas diarias. E os soños e a forza deste home derrotado que foi quen de escribir palabras que seguen a falarnos a cada un de nós son unha boa inspiración para continuar.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *