Hello Ladies, unha comedia baseada na vergonza allea

Todos sabemos máis ou menos os principios da comedia. Personaxes, situacións e diálogos humorísticos que provocan graza. O humor, que é de natureza finalmente misteriosa, nace de situacións non convencionais, de esaxeracións de comportamentos, nace do corpo ou de arquetipos. Pero o humor máis brutal, o humor máis incómodo, é o humor que nace da vergonza allea.

Hello Ladies é unha desas series que non chega a pasar da primeira tempada, pero ser producida por HBO significa cando menos un mínimo de calidade que a serie superou sen creces. Había tempo que non me ría tanto, e de xeito tan visceral, cunha serie de televisión. O argumento é moi simple, e está baseado nun monólogo do cómico inglés Stephen Merchant, que en certo xeito se interpreta a si mesmo, como deseñador web inglés vivindo en Los Angeles e buscando amor. A serie vai exactamente diso: as aventuras de ligoteo de Stuart Pritchard (a personaxe de ficción na serie) e os seus dous amigos, un recén separado obsesionado coa súa ex-muller, e o seu amigo, un discapacitado en cadeira de rodas (que é o único dos tres que sempre triunfa). O mecanismo que emprega Merchant para a comedia resultar brutalmente humorística é que, nas paiasadas, nas situacións de ridículo que pasa nos clubs, no que pensa e nas gambadas tremendas que mete no seu trato coas mozas, é difícil que non nos sintamos todos identificados. Os primeiros momentos de inicio dunha conversa, a relación coas amigas da moza interesada, os conflitos de intereses dunhas noites confusas…todo o que lle pasa a Stuart é tan ridículo e tan común que a risa procede de que non é nada complicado ver en en Stuart Merchant unha parodia dun mesmo en numerosas ocasións. Estás vendo a serie e queres soterrarte no sofá!

Desde logo, máis que recomendable. Unha xoíña que non tivo fortuna na vida.

Aquí vai o trailer:

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *