La mafia uccide solo d`estate: a traxicomedia da mafia siciliana

Téñovos que recomendar moitísimo unha película que me fascinou, sen dúbida un dos mellores filmes que teño visto no que vai de ano: La mafia uccide solo d’estate. A película, dirixida e protagonizada por un coñecido presentador televisivo italiano, Pierfrancesco Diliberto (Pif), é un repaso á historia de vinte anos de mafia na cidade de Palermo a través da propia vida de Pif conforme vai medrando. Trátase dunha comedia agridoce, onde momentos hilarantes da infancia de Pif mestúranse coa brutalidade máis cruel dunha mafia que os propios cidadáns de Palermo non querían ver. Os habitantes das cidades minimizaban sempre a existencia desta delicuencia organizada na vila, como eu tiven ocasión de escoitar moitas veces, nos malos anos, en sitios como Vilagarcía.

O propio título da película expresa de marabilla a actitude da xente ao redor do grave problema da delincuencia organizada. Unha noite que o neno Pif non pode durmir, porque quedou impresionado coa actuación da mafia, o seu pai, para tranquilizalo, dille esta frase: “La mafia uccide solo d’estate”, ou sexa, “Tranquilo, neno, que a mafia só mata no verán e agora estamos no inverno”. Algúns dos terrores, ademáis, sentinos ben preto: vendo a película lembrei como se producían os atentados en Madrid, cando viviamos aló. Sempre ás 7:50 da mañá, pouco antes de que soara o espertador sentiamos aqueles terribles zambombazos, as camas vibraban lenemente coa bomba expansiva e puñamos a radio, e xa aparecían os mortos, as voces aceleradas dos locutores, a retórica repetida.

La mafia uccide solo d`estate é unha auténtica marabilla, con ese equilibrio entre humor nada polarizado e drama e traxedia persoal e colectiva, cun sentido de civismo republicano, de empatía polas vítimas e a súa función que tanto boto de menos aquí, onde parece que menos nós, todos son culpables de algo. Para disfrutala aínda máis, teño que darvos outro consello. Mirade antes Il Divo (2008), un filme de Paolo Sorrentino sobre Giulio Andreotti interpretado maxistralmente por Toni Servillo. Permítevos ver moi ben a caracterización que fan os humoristas italianos dunha figura tan sinistra como Andreotti, un retrato de traxicomedia no que sen dúbida se inspirou Pif para unhas gloriosas escenas do seu filme.

Collede ao voso mozo ou moza, abride unha botella de viño e disfrutade desta chulada.

Déixovos aquí tamén a primeira parte dos comentarios de Roberto Saviano sobre o filme:

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *